A tristeza invade Cans pola morte de Manuel da Costa

“A tristura invade Cans”. Esta mensaxe nas redes sociais do Festival de Cine máis popular dá boa conta do loito pola morte de Manuel Giráldez, Manolo da Costa de Rocha, veciño de Cans e colaborador na organización da grande festa que tivo lugar a pasada semana na aldea.

 

Manuel Giráldez morreu atrapado polo seu chimpín, o vehículo oficial do Festival de Cans, realizado a pasada semana. O que hai cinco días era festa e balbordo transformouse agora en pesar e loito pola morte dun dos veciños que máis tiña aplaudido a invasión da aldea pola tribo do audiovisual. Manuel Giráldez formou parte do xurado dos veciños e era moi querido pola organización do Festival.

“Manolo deixounos mais sempre lembraremos ese sorriso bonachón. Perdemos unha das mellores persoas da parroquia. Descanse en paz” comentan desde a organización do Festival de Cans nas redes sociais nas que publicaron unha fotografía do finado co que “tanto riron” a pasada fin de semana. A última edición do Festival de Cans tivo lugar do 23 ao 26 de maio. Como cada ano, o Festival caracterizouse pola colaboración entre a organización e os viciños e viciñas que en cada edición abren os espazos do lugar para a festa máis popular do audiovisual no país.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios