Metálica, o filme

Nesta sexta feira, Andrés Castro proponnos írmonos de concerto

mtalica 2
photo_camera Metálica, ao vivo


METALLICA: THROUGH THE NEVER
Ano: 2013
Duración: 92 min.
País: Estados Unidos
Director: Nimród Antal
Guión: Nimród Antal
Música: Metallica
Fotografía: Gyula Pados
Reparto: Dane DeHaan, James Hetfield, Lars Ulrich, Kirk Hammett, Robert Trujillo

SINOPSE
Un dos pipas de Metallica queda encargado de levar gasolina a unha furgoneta que quedou parada e que tiña que traer un valioso paquete ao estadio onde se realiza o concerto do grupo. O rapaz, alén de perder o concerto, vai ter que sobrevivir a unha noite hostil onde se enfrontará tanto coa policía coma cunha violenta banda, mentres vence de paso os seus propios demos internos.


CRÍTICA
Enésimo experimento de Metallica tras probar co xénero documental, ao estilo Gran Irmao, en “Some Kind of Monster”, gravar o impresionante disco sinfónico-heavy “S&M” xunto ao finado Michael Kamen e a Orquestra Sinfónica de San Francisco, ou probar a facer un disco co inclasificable Lou Reed no prescindible “Lulu”. Nesta ocasión dan unha volta de porca cun concerto en directo disfrazado de película musical. Porén, non nos vaiamos levar un chasco ao crer que se trata dun musical ao estilo de The Who coma “Tommy”, ou “The Wall” de Pink Floyd pasado polo filtro metaleiro. Tampouco se trata dun simple concerto en 3D coma o de U2 ou o de One Direction. Nada diso. Achámonos máis ben ante outro fito máis na historia desta banda de metal por tentar facer algo diferente, contentar os fans e ao mesmo tempo amosar ao mundo o seu tremendo virtuosismo musical co fin de pasar a historia e converterse en lenda viva. A película véndese cunha sinopse dun rapaz, interpretado por Dane DeHaan, moi prolífico ultimamente, que o pasa realmente mal por toda a cidade nunha mestura psicotrópica de “Mimá, que noite!” (1985, Martin Scorsese) e “The Warriors” (1979, Walter Hill).

A historia era boa e até o fan máis acérrimo tería desexado que houbese menos concerto e máis película

Pero o que vamos ver realmente non é unha historia con música de Metallica por detrás. A historia do pipa é un mero mcguffin e, tras a pertinente intro clásica de “Ecstasy of Gold” de Ennio Morricone e tras escoitar uns potentes “Creeping Death”, “For Whom the Bells Tolls” e “Fuel” decatámonos que vai haber moito concerto e pouca historia. O director de ascendencia húngara Nimrod Antal, que filmara hai 10 anos a excelente “Kontroll” no seu país paterno pero que ao pasar aos Estados Unidos caeu en mediocridades coma “Vacancy” ou “Predators”, fai unha filmación case perfecta tanto do concerto coma da historia, achegándose máis á súa ópera prima nesta parte. Pero por mor do xigantesco ego que teñen os Metallica parece que non quixeron desperdiciar nin unha secuencia do concerto, ou mellor dito concertos, xa que se filmou en varios shows ao longo da xira por Canadá.

Coma película é falida, aínda que é toda unha experiencia ver tan de perto os Metallica

A historia vaise intercalando entre canción e canción e xuntando todo apenas durará uns 15 minutos. O concerto ocupa case o 90% do tempo do filme. Con todo, tampouco é só un concerto sen máis, xa que hai un guión detrás que trata de aportar algo máis que un simple concerto filmado en 3D, aínda que no fondo sexa iso. A historia era boa e de seguro que o fan máis acérrimo coincidirá en máis dunha ocasión en que desexaría que houbese menos concerto e máis película. Hai escenas realmente impactantes nunha historia que daba moito máis de si. Quizá é aventurarse moito, pero non descartemos un spin-off do rapaz con cara de colgao nun largo ou serie.

O concerto está filmado con gran rigor e todo luxo de detalles. Apréciase o máis mínimo xesto, suor, riffs e até os poros da pel dos Hammet, Ulrich, Trujillo e Hetfield, dando a sensación de que se pode tocar a catro mans con eles achegando un pouco a man á pantalla. O setlist complétase con: “Ride the Lightning”, “One”, “The Memory Remains”, “Wherever I May Roam”, “Cyanide”, “…And Justice For All” (con estatua incluída), “Master of Puppets”, “Battery”, “Nothing Else Matters”, “Enter Sandman” “Hit the Lights” e “Orion”. Para min coma película é falida, aínda que é toda unha experiencia ver tan de perto os Metallica, e tan lonxe ao mesmo tempo, cunha posta en escena espectacular. Recomendaríaa só aos fans de Metallica, que van ter difícil non corear as cancións ou lanzar os cornos ao ar, e a quen lle guste ver concertos de boa música en pantalla grande porque non teñen a opción de os ver ao vivo.

Máis en Ao vivo
Comentarios