''Facemos criba na música tradicional para non perpetuar contravalores agresivos coas mulleres''

O 25 de Xullo a música das Habelas Hainas resoará en Compostela a partir das cinco da tarde, no café concerto do Festigal. Conversamos con elas

photo_camera [Imaxes cedidas polas Habelas]



Penduradas as catro nunha corda da roupa. Así aparecen na contracapa da súa maqueta. Que nos queren dicir? Que son boas pezas? 
 
[risos] Si, váisenos a pinza… estamos colgadas! Gostabamos da idea de saír de costas, ao ser a contracapa do disco. Alén disto, pensamos na posibilidade de aparecermos unidas pola corda umbilical, pois alimentámonos as unhas das outras, e polas mans, amosando a nosa incondicional solidariedade en momentos vitais, como o pretendido nesa imaxe, onde aparecemos en actitude de sermos axustizadas. Ou esa era a nosa intención. 

É unha homenaxe a todas esas mulleres que foron e son xulgadas, condenadas, executadas, torturadas, colgadas, queimadas, fusiladas, lapidadas ao longo da historia, unha lembranza tamén á caza de bruxas, un verdadeiro holocausto feminino, unha cruzada misóxina que deixou sen vida a mulleres habilidosas, histéricas, independentes, adiantadas ao seu tempo,  solteiras ou viúvas, libres e loucas. Unha homenaxe, en fin, a todas esas mulleres anónimas, mulleres que se atreveron a ser como quixeron ser. E despois as pinzas, icono multifuncional do cotián e símbolo da unión, represéntannos a cada unha de nós na portada, conformando as dúas H do noso nome a toda cor.

Cóntenme os seus primeiros pasiños.

Como non podía ser doutra maneira, coñecémonos tocando nos bares! Jara e Arantza xa levabamos traballando un tempiño con outras formacións. Logo aparecemos Patri e Sandra e o crebacabezas de catro pezas encaixou á perfección.

Admirabámonos mutuamente e gozabamos moito tocando xuntas. Por iso decidimos crear o noso proxecto... e seguímonos admirando! Fomos medrando nas foliadas compostelás e nas pedras da Quintana e comezamos a percorrer os mellores cenarios do mundo: as rúas! 

"Fomos medrando nas foliadas compostelás e nas pedras da Quintana e comezamos a percorrer os mellores cenarios do mundo: as rúas!"

Letras feministas combinadas con ritmos tradicionais e festeiros, aderezado todo na nosa lingua. É esta a receita da súa música ou falta algún ingrediente?

Máis que aderezado, construído na nosa lingua. O noso punto de partida é a música tradicional e de raíz, da que todas mamamos e da que nos sentimos parte.

Unha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresarmos, sempre desde unha ollada feminista e plural, por iso tamén facemos criba, pois non estamos dispostas a seguir reproducindo e perpetuando certos contravalores cos que non nos sentimos identificadas, como os centos de coplas ofensivas e agresivas cara ás mulleres. 

A tradición está viva en nós e en constante transformación, por iso hai moitos ingredientes que aínda non temos, nin sabemos cales van ser, mais que, afortunadamente chegarán, como foron chegando outros na nosa curta andaina. Estamos abertas a moitas cousas que nos poidan enriquecer. Non nos gustan as etiquetas, así que os ingredientes han ser moitos.

"Meigas somos todas as mulleres silenciadas e invisibilizadas. Astrónomas, filósofas, científicas, labregas, parteiras, compositoras, médicas, músicas… e gaiteiras! Que Habelas Hóuboas!"

E son moi rosalianas... para cando máis música cos seus textos?

No noso repertorio temos un tema ao que nós chamamos 'Festiña por dentro', que son unhas coplas escollidas do poema 'Has de cantar', un poema moi positivo, cheo de vitalismo, reivindicativo coa lingua e coa cultura; un excelente deseño da idiosincrasia do noso pobo. Rosalía era unha artista polifacética: escritora, actriz de teatro, multiinstrumentista, pintora...

É para nós unha fonte de inspiración inesgotábel. Por iso non descartamos a idea de seguir traballando cos seus textos, ou beber dela dalgún outro xeito, como naquela mullerenaxe na que lle demos vida a Rosalía e Curros nun casamento poético, cumprindo o soño da nosa poeta nacional Luz Fandiño, rosaliana até o cerne, muller que nos adeprende sempre.

Vostedes tamén teñen actuado con bata de faena. Bata por fóra, muller por dentro?

A nosa indumentaria base é de cor branca. Mais igual que a nosa creación musical está en permanente transformación, a nosa indumentaria tamén e dentro do noso espectáculo podemos cambiar até tres veces de roupa.

As batas usámolas para o oito de marzo do ano pasado, para a mani e o concerto. Logo incluímos no noso repertorio o 'Bella Ciao', coa súa probábel letra orixinal, un canto do século XIX das traballadoras dos arrozais padanos, e tamén empregamos a bata para a performance deste tema. 
 
Cando as condicións nolo permiten acrecentamos un tendedeiro, que ademais de ser o soporte físico para a indumentaria, penduran del outras cousas e palabras que nos dan forza, todas elas con H… Mulleres somos, mulleres seremos, por dentro, por fóra, porque temos conciencia de selo, até travestíndonos ás veces de gaiteiros.

Recoméndenme unha canción súa. Sería, quizais, un canto ao amor.... propio?  

[risos] Non nos deixas moita opción! Finnish Terra é unha unión de tres culturas, a nosa, a cubana e a finesa, con dúas partes ben revoltas. A primeira é unha das tantas rumbas que chegaron a Galiza a través da emigración e da radio, desde Cuba á Terra. Recollémola en Laroá, na Limia. 

"O apoio da televisión pública á música do País é insuficiente para abranguer a gran riqueza de estilos musicais e grupos que temos"

A outra parte é un tema tradicional finés, e tamén sueco, por iso o de Finnish, de finés e de final, de despedida do noso espectáculo. Gustounos a idea de misturar a música finesa con coplas tradicionais, que falan da superación do desamor a través do amor propio. Voarei, sen ti eu voarei!

Da primeira maqueta gravaron algúns temas nos estudos da Radio Galega. É dabondo o apoio que desde a radio e a televisión pública se lle está a dar á música galega e en galego?

Gravamos alí os tres últimos temas, en análoxico, un directo sen trampa nin cartón, porque é un servizo público e pareceunos en principio unha boa oportunidade para facermos esta pequena entrega.

Porén, o apoio dos medios á música do País é insuficiente para abranguer a gran riqueza de estilos musicais e grupos que temos na nosa terra de artistas, sobre todo na televisión pública. Na radio atopamos aínda programas como Lume na Palleira, Tres peixes voando, Planeta Furancho e os que 'pecharon por reformas', que si apoiaron e apoian a música galega.

E cren nas meigas? 

Cremos, porque Habelas Hainas! [rin] Cremos que existe unha comunicación enerxética entre nós a través da intuición que crea a maxia musical, ou iso é o que nós experimentamos, entón si, somos meigas! Aínda que non precisamos vasoiras para voar. 

"Rosalía é para nós unha fonte de inspiración inesgotábel"

Meigas somos todas as mulleres silenciadas e invisibilizadas. Astrónomas, filósofas, científicas, labregas, parteiras, compositoras, médicas, músicas… e gaiteiras! Que Habelas Hóuboas! Habelas Hainas tamén somos as mulleres coidadoras, cociñeiras, costureiras, planchadoras, economistas, lavandeiras… que, para alén de todo iso, traballamos fóra. Se iso non é maxia…

E somos todas as que a día de hoxe seguimos loitando polos nosos dereitos, que moito traballo queda por facer. Meighas dentro! ABUR to Livre!

Máis en Ao vivo
Comentarios