Opinión

A guerra interminábel

Hai uns días sentei nunha brasserie da Praza de San Bonifacio, en Matongué. Na casa non tiña moito que comer, pois fora baleirando a neveira en preparción das vacacións que comezaban no día a seguir. Puxenme a ler o New York Times á espera que tomaran nota e despois o Liberation, esperando a que chegara o ‘prato de resistencia’ (aquí chámanlle así). Afganistán seguía estando presente nos xornais aínda que eclipsado en parte pola cobertura do golpe de estado en Guinéa Conackry. O imperialismo francés xa se sabe, tan presente como forzas de ocupación na Africa Ecuatorial Occidental (no Mali, mais non só).

O New York Times, estabelecía semellanzas entre os americanos actuais e os romanos dos últimos anos do Imperio. Comparaba aos talibáns coas hordas xermánicas que saquearon Roma, apoderándose do armamento que antes non tiñan e impregnándose despois e pouco a pouco das maneiras romanas. Pola súa banda o Liberation remontábase ás guerras de Filipinas, de Korea, de Vietnam, de Iraq e por suposto esta última invasión que xa duraba vinte anos. Falaba de xeito comparativo e do cambio de paradigma na guerra, da non necesidade de estar presente no territorio para dar batalla. De aí pasaba a enunciar a teoría da ‘guerra interminábel’, cando os ataques se producen a distancia ou se focalizan nun albo específico, evitando víctimas civís. A idea do ‘ollo por ollo e dente por dente’ levada á practica sen arroubo. 

Os dous xornais coincidían en calificar de ‘fuxida’ a retirada das forzas invasoras/pacificadoras aliadas (escollan o adxectivo que acaia mellor á súa ideoloxía). Coincidían tamén en que para unha parte da poboación afgá, esta foi unha guerra de ‘liberación nacional’ diante dos invasores. 

Eu, dende o meu observatorio exterior, coas limitacións que isto leva consigo, podo entender que queran ‘expulsar’ do país as forzas de ocupación, mais non poderei entender nunca que prefiran a quen os somete e humilla, marxina e reprime.    

Comentarios