Opinión

A influencia de Ramón Piñeiro

A influencia de Piñeiro segue notándose moito na maneira en que se enfoca todo o relacionado co galeguismo, a lingua galega e o que podía ser a Galiza.

Nos anos cincuenta e comezos dos sesenta do século pasado, Piñeiro e a editorial que dirixía viraron moi axiña a fonte principal, ou case única, de pensamento e actuación galeguista. Piñeiro converteuse na referencia máxima, o guía que iniciaba os rapaces novos que chegaban á Universidade compostelá no descubrimento do país e orientábaos tamén na esquerda política, coas credenciais que lle daba o de ter estado na cadea nos primeiros tempos do franquismo.

Que foi o que lles transmitiu a aqueles rapaces e por que camiños os levou, a eles e ao galeguismo en xeral, pois que os galeguistas de antes do franquismo foron tamén polo rego que Piñeiro abriu?

Sen a editorial, Piñeiro non tería acadado poder ningún. Coa editorial, acadou moitísimo. A editorial valía para aglutinar e virar centro de poder polo feito mesmo de que existise. Ofrecía a "institución" que centraba o galeguismo e dáballe corpo e difusión.

E que Galiza e que lingua galega quería Piñeiro? Ou, mellor, que era o que non quería para a Galiza?

O que non quería, de maneira ningunha, era unha Galiza separada da España. Aquela posibilidade parecíalle desasisada e absurda. O que lle parecía razoábel e axeitado era o futuro que xa daquela se estaba preparando nalgúns medios políticos para a España de despois de Franco, guiados e axudados por servizos secretos de ámbito internacional. E non quería que os rapaces, que estaban destinados a seren o novo galeguismo, se deixaran tentar por doutrinas que os levaran a pisar fora do rego. Por iso, unha das primeiras cousas que fixo, xa a finais dos cincuenta ou moi a comezos dos sesenta, foi convocar os galeguistas das Américas para anunciarlles que, en diante, a política de oposición faríase dentro e non fóra. En pleno franquismo, foi notábel que se atrevera a borrar da existencia, na práctica, as forzas antifranquistas de "fóra". Empezou unha redución, ou un cercear a rentes, que seguiría sempre.

Piñeiro criou un galeguismo "universitario". Tirouno do "ruralismo" que inevitabelmente tiña antes, pois que calquera que sentira a chamada da Galiza e o galego acudía, para conectar con aquel mundo, a onde máis claro estaba, que era no rural. Ao fundar o galeguismo "cultural" subiuno de nivel, e iso foi a chave do seu triunfo. Había que darlle prestixio ao galego, ese era o camiño. E ese "prestixio" dábase desde a editorial que dirixía, publicando unha novela moderna e europea, unha obra de teatro, unha tradución… Abondaba cunha mostra de cada cousa para poder anunciar que "xa tiñamos" filosofía galega, teatro galego, novela galega, e que xa estábamos ao nivel europeo e nórdico que nos correspondía.

Para ir por ese carreiro, o que non se podía ter era unha lingua galega que soara de aldea, pailaroca e atrasada. Os da aldea foron borrados no galeguismo "cultural". Se xa antes eran os "indios" e os "negros" da Galiza, desprezados porque traballaban coas mans (prohibido desde a Inquisición) e porque non falaban cristiano, no novo galeguismo viraron os culpábeis da perda do galego e unha xente coa que non había que contar para a política. Determinouse que eran conservadores e seríano sempre e nunca chegarían a entender os novos ventos que levarían a Galiza ao nivel europeo. Chegouse á curiosa conclusión de que, se o galego se estaba perdendo, era por culpa de que os pais aldeáns deixaran de falarlles en galego aos fillos. O de que a perda da lingua viña de anos e séculos atrás non se quixo ter en conta, e construíse un galego de elite, que valera para presentar oficialmente e para afirmar que, a pesar de que a Galiza tiña lingua propia, esa lingua era para facer cultura e non política.

E esa construción de Piñeiro semella ter aínda unha inmensa influencia na Galiza. Habería que pensar se non a prendería nunha argallada sen fundamento e se non estará minguándolle as forzas e quitándolle a folgaxe e orixinalidade que podería e debería ter.

Comentarios