Opinión

Viaxe de Rueda a emigración galega en Suíza e Liechtenstein

O presidente da Xunta do PP visitou os emigrantes galegos en Suíza e Liechtenstein esta fin de semana para reencontrarse coa emigración galega, ver as actividades que levan a cabo para manter vivas as nosas tradicións e contribuir ao crecemento da Galiza na diáspora.

A Xunta comenzou a interesarse polo retorno da emigración a Galiza despois do proxecto que  levamos a cabo no ano 1998 Miguel Palomo, emigrante en Bruxelas, e eu mesmo, fillo de pais emigrados a Catalunya nos anos 60. Este proxecto, subencionado pola Unión Europea, incluía a edición de 5.000 libros titulados A emigración galega na Unión Europea e unha serie de encontros por toda Europa para abrir un debate sobre o retorno á Galiza territorial de tódolos emigrantes que o desexaran.

Aquel debate rematou coa creación da Comisión non permanente do estado da emigración para o estudio da situación dos emigrantes galegos na Unión Europea, onde eu mesmo fun un dos poñentes no Parlamento de Galicia, o 18 de xullo do 2000, dando testemuña dos problemas dos galegos en Catalunya.

Neste proxecto falábase tamén da importancia de pasar no territorio da Galiza dos tres aos cinco millóns de habitantes. Isto conseguiríase traendo á Galiza a nosa xente que está a bater o zoco polo mundo adiante.

Rueda recordará nesta viaxe a tódolos emigrantes que desexen regresar á Galiza que contan coa Estratexia Galicia Retorna da Xunta coa que se pretende a volta de 30.000 persoas, con un contrato laboral, ata o 2026. Tería que acelerarse este retorno de emigrantes galegos para ser Galiza unha nación competitiva dentro de Europa. O noso país debería ser quen de dar traballo a tódolos seus fillos, rematando así coa dispersión do noso pobo que rachou familias enteiras obrigando á metade do pobo galego a vivir e traballar lonxe da súa terra.

Comentarios