Opinión

Doutrina Gerasimov

Non deben irlle moi ben as cousas aos rusos na Ucraína cando acaban de substituír o xeneral Surovikin, ata hai uns días o responsábel da "operación especial", por un dos seus máis prestixiosos e coñecidos militares, Valeri Gerasimov. Surovikin é tamén coñecido, pero non precisamente pola súa capacidade de reflexión sobre cuestións militares senón pola súa tácticas de terra queimada na guerra de Siria, que ao parecer tentou replicar, semella que sen muito éxito, no actual conflito. Non abandona o escenario do combate pero queda subordinado ao novo mando.

O xeneral Gerasimov é coñecido nos medios militares occidentais por un artigo académico no que propón unha nova doutrina de guerra híbrida non centrada en exclusiva no uso da forza, senón que esta debería usarse de forma puntual e focalizada preferentemente en forzas especiais e golpes de man sobre obxectivos concretos, evitando no posíbel a guerra convencional. Esta forza debería ser usada de forma subsidiaria a campañas de propaganda a través de medios de comunicación, especialmente os difundidos a través das redes, e campañas de desestabilización política do inimigo. A guerra económica a través de sancións ou distorsións nos fluxos comerciais así como os ciberataques tamén forman parte esencial do arsenal da guerra híbrida. Incide, ademais, na necesidade de concienciar a poboación tanto no interior e no exterior da necesidade da acción.

É cando menos unha estratexia intelixente que tería aforrado milleiros de mortos a ambas partes e, por suposto, a destrución de edificios e infraestruturas que condenan a unha vida cativa a millóns de persoas. Ademais estáballe saíndo relativamente ben, como aconteceu dende 2014. O réxime ruso contaba con aliados en moitos países e gozaba das simpatías na opinión pública de moitos países occidentais que non acababan de crer as informacións sobre as fake news. Descoñezo as razóns do cambio de estratexia e facer uso de medios convencionais de guerra, pero dende entón non parece terlle ido moi ben a nivel estratéxico. O imperio norteamericano tense reforzado dende entón e non digamos a NATO, que de estar a punto de converterse nunha sorte de ONG dedicada á vixilancia do cambio climático pasou a incorporar países antes neutrais, algún deles fronteirizo coa Federación Rusa, e a obrigar a incrementar moi substancialmente o orzamento de defensa, algo que tamén nos atinxe a nós. Eu, que aínda que se poida pensar o contrario, son antiimperialista, tanto contra o imperio norteamericano, que é o único existente, como de aqueles que queren xogar a selo, e son, por suposto, tamén contrario á NATO, como axente dese imperialismo. Por tanto deploro a ofensiva rusa, ademais de polas mortes e danos causados, que son baixo calquera principio moral inxustificábeis, precisamente porque reforza o imperio, que queda agora sen alternativa a curto prazo ao ficar destruído o seu potencial de influencia. Ademais do crime é un erro sen paliativos.

O problema agrávase porque o novo responsábel militar non se ten destacado na súa carreira militar por seguir os principios que expresou nos seus escritos académicos senón máis ben por seguir os principios da doutrina soviética tradicional de guerra, isto é, a de sumar grandes cantidades de tropas, carros e artillaría e gañar por esmagamento do contrario, como na Chechenia. Xa é tarde para voltar á doutrina Gerasimov e a doutrina tradicional parece que non lles está a funcionar fronte a exércitos tecnoloxicamente máis avanzados. A doutrina intelixente, e para isto vén ben Gerasimov, sería a de buscar algún pretexto para marchar e rematar a guerra, antes de que esta remate con eles.

Comentarios