Puntos de encontro
A pasada fin de semana tiven a fortuna de poder participar no festival Kosmópolis en Barcelona grazas ao apoio do Consello da Cultura Galega e da editorial valenciana Sembrallibres, que acaba de publicar a tradución de Furia ao catalán da man de Sebastià Portell. Sempre que recibo un convite deste tipo sinto unha fonda responsabilidade, dado que son moitas as autoras galegas que poderían estar presentes neste tipo de encontros. Asumo a miña participación dende a idea de comunidade, de compartir e construír.
Nestes espazos, unha ten a oportunidade de coñecer en persoa a autoras, teóricas e creadoras admiradas, como a escritora mixe Yásyana Elena Gil, que me parece unha das voces máis importantes para axudarnos a pensar as linguas, as non hexemonías e as conexións coas nosas propias historias –sen esquecer, por suposto, a nosa posición no marco colonial–.
A diferenza dalgunha voz que escoitei, estou totalmente de acordo coa posición expresada en Kosmópolis por Mercedes Peón en canto ao papel das institucións culturais galegas: "Que nos deixen facer" –e, no caso da Xunta, que "deixen de atacar o galego"–. Dúas premisas moi básicas que contrastan con visións que agardan un direccionismo que, no Goberno galego, sería estar aínda máis en man de persoas que amosan que cultura galega lles interesa –véxase o de Cardalda, por poñer un exemplo–.
Na liña de Peón, coido que os organismos culturais se amosan máis efectivos cando realizan este labor de crear espazos (mesmo físicos, dicía ela) de encontro e, engado eu, de reforzar aquelas redes xa existentes e que, como adoita acontecer nalgúns casos, non pasan necesariamente polo institucional. Nese sentido, se cadra este Kosmópolis deixou un chisco de lado reforzar as relacións existentes entre territorios ou proxectos artísticos, o cal esixe coñecer a vizosa diversidade de voces e proxectos artísticos globais de autoras da nosa terra. Por exemplo, tería sido un piar importante, tratándose de Cataluña, contar coa poeta e activista galega Andrea Nunes Brións, seguramente un dos nosos vínculos máis importantes con movementos transfeministas e literarios de radical importancia no país mediterráneo. Mais, se algo demostra esta positiva experiencia é que a pouco apoio institucional que se ofreza (e de aí a súa importancia), as relacións flúen. Sobre todo cando non só buscamos sermos interesantes, senón interesármonos pola(s) outra(s).