Opinión

Parte da paisaxe

Resulta habitual que ás feministas se nos pregunte se, como sociedade, "avanzamos" ou "retrocedemos" no tema da violencia de xénero. A pregunta parece dar a entender que é o paso do tempo o que remata co patriarcado, igual que se defenden cousas a todas luces incertas como que por haber máis mulleres en certas carreiras xa chegarán a postos de poder. 

Hai non tanto tempo, falar da violencia de xénero como algo comprensible para a cidadanía era algo impensable. Un fenómeno tan complexo non tiña nin sequera cifras que o fundamentasen porque os asasinatos das mulleres entraban no cómputo xeral de criminalidade, coma se non fosen o sinal último dunha estrutura discriminatoria e violenta que marca as vidas das mulleres en cada momento da vida.

Agora que o termo é de uso común, ao patriarcado interésalle desactivalo con minutos de silencio, medidas sen financiamento e permisibilidade fronte a partidos e discursos que seguen negando a súa existencia e que insisten en falar de cousas tan aberrantes como a "ideoloxía de xénero". Non debemos esquecer que a negación da violencia de xénero segue a ser un piar fundamental do discurso público. Nese sentido, semella que o termo, e todo o que este significa, forma parte da paisaxe, non require máis reflexión e só un debate que eu adoito denominar como de "mulleres, homes e viceversa", é dicir, de superficialidade e baleirado de contido.

Ao final desta pugna entre o afán de profundizar dos feminismos e o de facernos parte da decoración do patriarcado, na resistencia dos nosos discursos ante os que decotío nos ridiculizan, están os corpos das mulleres asasinadas por homes que, lonxe de padecer ningún tipo de trastorno (premisa, por certo, tremendamente agraviante para as persoas con enfermidades mentais), seguen ata o final os preceptos que seguimos ditaminando socialmente. Que os corpos das mulleres lles pertencen, que somos a súa propiedade, que somos inferiores.

Coma dous cabalos a turrar en direccións opostas, fronte á positiva flexibilización das identidades de xénero e o camiño cara a un mundo onde se desdebuxen os estereotipos, seguimos presas dunha estrutura social que mata, como aconteceu en Ribeira. Por iso é vital turrar para que a violencia de xénero non forme parte da paisaxe e acabe provocándonos indiferenza, para que se sigan debatendo en profundidade as súas causas e se sigan atallando de forma real con medidas efectivas.

Comentarios