En todos os lugares
Neste momento de ataque aos espazos multilaterais como proxecto central do fascismo internacional é máis importante que nunca lembrar a importancia das institucións e instrumentos que permiten a mellora da vida das mulleres en todos os lugares.
A historia de vida de todas nós non sería igual, cómpre lembrar, sen que as mobilizacións dos grupos feministas de América Latina dos anos oitenta levasen a que as Nacións Unidas recollesen no ano 1993 na súa declaración 48/104 e logo na súa resolución 54/134 do ano 2000 unha definición oficial e obrigas para os estados membro en canto á violencia de xénero. A partir de aí comezan a compilarse datos, que son a base de calquera acción, e a "transversalizarse", é dicir, analizarse unha gran cantidade de políticas, dende as municipais ata as empresariais, dende unha óptica que inclúa a violencia de xénero na súa cerna. Dende o convenio 190 da OIT sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo ata o traballo realizado pola OMS ou pola ONU Mulleres con todas e cada unha das institucións das Nacións Unidas.
Grazas a todos estes instrumentos (e outros, coma o tratado 210 do Consello de Europa coñecido como o Convenio de Istambul do que paradoxalmente Turquía se retirou hai uns anos) as mulleres e colectivos de todos os países temos unha base sólida para actuar e avanzar. Fronte ao negacionismo da violencia machista, as organizacións internacionais son implacables cos seus datos e iniciativas.
Porén, cómpre non esquecer que o valor de todo este traballo non está nos documentos en si mesmos, pois estes, como ben sabemos no caso de Palestina, pode quedar en papel mollado en calquera momento, senón en todo o traballo de base previo e posterior que as organizacións feministas e de mulleres fan dende os territorios ocupados ata as rúas das nosas cidades. E ese traballo que a Marcha Mundial das Mulleres resume moi ben cando di "marchamos ata que todas sexamos libres" implica tamén reflexionar sobre as relacións de poder entre as mulleres de diferentes lugares e posicións do mundo; obríganos a pensar, como feministas, que se queremos erradicar a violencia contra as mulleres debemos reflexionar sobre que e a quen mercamos, con quen nos aliamos, a quen debemos a centralidade dos espazos por atoparse máis na marxe (nas nosas sociedades, sen dúbida, as compañeiras trans, discas ou racializadas). O 25 de novembro e todos os días, en todos os lugares.