Opinión

A man ou a máquina

Seguramente hai bastantes persoas que non lembran xa o que é lavar TODA a roupa a man. Os lavadoiros, como pezas históricas que valoramos e celebramos, convertéronse en parte da historia de unidade, convivencia, diálogo e traballo común das mulleres. Lavar a man, unha actividade que aínda me segue tocando con certa frecuencia noutras latitudes onde nin a auga nin a electricidade nin os aparellos andan tan espesos, consome tempo e cansa. Mais lavar garante a vida, evita enfermidades e, cando se fai en común, promove a convivencia. E, por suposto, que ninguén me entenda mal, lavar a máquina é unha das cousas que máis valoro dos avances tecnolóxicos da humanidade, sobre todo cando facemos un bo uso (nada de lavadoras medio baleiras, nada de secadoras, por favor).

Esta breve disquisición andábame o domingo pola cabeza ao regreso de votar. Despois de deixar as papeletas na urna, viña pensando nas cousas importantes: que tiña que limpar o baño. Fregar a cociña. Recoller a roupa. E non puiden evitar matinar en que o traballo da cidadanía é coma os labores domésticos, coma o acto colectivo de lavar. Nunca remata cando se anuncia o resultado dunhas eleccións. Sempre, sexa cal sexa o resultado, queda por diante o labor de seguir lavando.

Nos últimos tempos, ademais, son moitas as frontes que precisan das nosas mans: a mentira mediática, os discursos de odio, o machismo máis rancio, a transfobia, a destrución ambiental. Queda agora o traballo de lavar no que somos precisas todas: as mestras nas escolas, as asociacións da memoria histórica, as creadoras, as deportistas, as labregas. Temos que ser quen de, como sociedade, facer fronte á ameaza do fascismo que odia. Temos que revisar a nosa posición ambivalente ante cuestións como o racismo, a plantación de eucaliptos, os eólicos, a destrución de estruturas da vida rural. Xa que dicir da lingua.

Porque o voto é só un paso máis nun proceso longo de traballo que, como lavar, hai días que non apetece. Mais sabemos cales son as consecuencias de non facelo. E este é un traballo que nos corresponda, goberne quen goberne. Aproveitemos que parece que imos ter lavadora e mesmo unha aspiradora (quen nos dera ter dúas, tres ou catro!). Sen escusas nin adiamentos. Porque deixar de lavar fai que a nosa vida e os nosos dereitos pendan a cada pouco dun fío moi finiño que, en calquera momento, tronza. Así que, a refucir as mangas e a darlle!

Comentarios