Opinión

Toca ser labregos ou toca ser mariñeiros?

A coincidencia no tempo entre a crise económica e a saída á luz da corrupción do PP (algún día saberemos por que xuíces, en xeral tan afíns, decidiron sacudir a alfombra) levou a Pablo Iglesias e a Xosé M. Beiras a prever un estalido social e a “creba do réxime”. A esquerda estatal, que engloba a nova política e os antisistema, esperaba que se reproducisen, por toda a xeografía, casos como o do Gamonal, talvez como unha versión castiza daquela consigna do Che: “1,2,3, moitos Vietnam”. O que ocorreu foi algo diferente, as costuras rebentaron por Cataluña e España vive hoxe un xiro á dereita.

Podemos acadaría, neste momento, cotas electorais non moi superiores ás que tería acadado IU, de non ter existido o 15-M. E Beiras, despois de repetir que rompera o tabú que separaba a nacionalistas e non nacionalistas, encóntrase agora recoñecendo o seu desencanto (nunha entrevista en Luzes), lanzando chíos de twitter críticos con Pablo Iglesias e apoiando as CUP en Cataluña. O que para a esquerda estatal foi unha frustración, para a Galiza que pula polo dereito a decidir supuxo unha traxedia. O capital simbólico de Beiras acabou malversado. Ao nacionalismo estalle custando levantar cabeza.

Por outra parte, a primavera republicana non deu lugar a nada. Ao sistema non lle custou moito neste caso atopar unha saída. A abdicación do anterior rei resolveu a crise. Os partidos dinásticos e as revistas do corazón celebran a vida familiar de Felipe VI. Pode que a monarquía sufra novos achaques pero os máis previsíbeis son os derivados do conflito catalá. E xa que falamos de símbolos, non está de máis lembrar que o morado da bandeira republicana foi tomado do pendón de Castela e representa unha alusión directa á comunidade que se considera orixe e esencia do Estado.   

O capital simbólico de Beiras acabou malversado. Ao nacionalismo estalle custando levantar cabeza

 

Na política caben dúas actitudes, a do labrego previsor e a do mariñeiro intrépido. Perseverar na terra ou atreverse no mar, lugar apropiado para os maiores logros, pero tamén para o naufraxio. O político que ten olfacto e sorte sabe que camiño escoller en cada momento. Puigdemont elixiu ser o capitán intrépido que pode abrir unha nova fronteira ou afogar en poucos días. De Beiras, xa se pode dicir que se equivocou.

Pero non son estes os únicos afectados pola crise española. Entre os nacionalistas, o que máis e o que menos apostaba por unha reforma da Constitución para resolver o problema catalán. O que non o fixo foi porque xa daba a independencia por gañada, aínda que nese caso non está moi claro como quedariamos os demais, o que mostra a cara fantasiosa de toda esta saída. En todo caso, o asunto torceuse. Neste momento, hai unha enorme maioría parlamentaria recentralizadora que pasou da defensa ao ataque, en termos bastante autoritarios e illacionistas, pouco que ver cunha España moderna e europea. Non é unha situación estábel, as cousas poden ser distintas dentro dun ano ou de dous. Hai varios procesos electorais de por medio.

Hai unha enorme maioría parlamentaria recentralizadora que pasou da defensa ao ataque, en termos bastante autoritarios e illacionistas

 

A pregunta, non obstante, para nós os galegos, é se segue sendo unha boa táctica apostar pola superación do marco político. Damos por feito que a autonomía non serve? En base a que forza? Con que base social?

Certo que de producirse, nalgún momento, unha reforma da Constitución, o nacionalismo terá que presentar a súa proposta, teña os medios que teña para defendela. O silencio significaría o ingreso automático no grupo de autonomías de segunda división.

Pero, veñen eleccións, o nacionalismo segue débil e non está claro que esa sexa unha proposta que haxa que esgrimir agora. República galega e independencia din os panfletos que Galiza Nova reparte á porta dos institutos. Pero as aulas están bastante españolizadas, sobre todo nas cidades.

A pregunta, non obstante, para nós os galegos, é se segue sendo unha boa táctica apostar pola superación do marco político

 

Quizais nos siga tocando, durante algún tempo, ser labregos previsores e perseverantes. Sabedores de que o tan necesario Banco de Terras, por poñer un exemplo, non se frustrou por falta de competencias, senón porque gañou o PP. Para defender os hospitais da Mariña ou de Monforte, para apoiar o libro galego ou para contratar empresas galegas, sen ter que pedir permiso antes á rúa Genova, tampouco é precisa máis soberanía. O que se necesitan son, sobre todo, votos e vontade.

Se é certo, como repite o BNG, e resulta case unha obviedade, que o goberno de Feixóo opera como unha macrodeputación, negándose el mesmo a exercer o poder político, parece que do que se trata é, ante todo, de desprazar o PP e poñer en marcha de novo os motores da autonomía. E, unha vez feito isto, xa se verá se hai reforma da Constitución. Galiza estaría, nese caso, en mellores condicións para afrontala.

Comentarios