luns 20.01.2020

A hora dos tácticos

Tensando a corda. Este podía ser o titular. E a sensación é que estamos só no principio. Rafael Poch escribe que unha das razóns da crise hai que buscala na perda de peso dos Estados Unidos. De representar o 40% do PIB mundial en 1950, a só o 15% hoxe.

É un momento para ter visión, pero aínda máis é o momento da táctica. Moita xente esquece que Lenin, ademais de ler a Hegel e a Marx e de escribir de filosofía, foi un gran táctico. A vitoria bolxevique débese, entre outras razóns, á súa capacidade para dar xiros de 180 grados en cuestión de semanas. 

Beiras, entrevistado por un diario vasco, volve dar leccións de táctica. Recoñece que os últimos pasos foron un fracaso. Beiras, que é economista, esqueceu que ademais da táctica había que controlar tamén a tesourería. Hai un pudor natural a tocar ese tema, pero o certo é que na política da esquerda, como na da dereita, controlar a caixa é importante. As confluencias estiveron supeditadas sempre a Madrid, desde este punto de vista. Un barrio da capital pode ingresar máis diñeiro que toda a organización galega. Por aí se empezou a ir a táctica ao sumidoiro. 

As confluencias estiveron supeditadas sempre a Madrid, desde este punto de vista. Un barrio da capital pode ingresar máis diñeiro que toda a organización galega

 

Os últimos pasos tácticos de Beiras non deron resultado. Na mesma entrevista afirma que se está producindo unha transición ao revés. Pode parecelo, vendo as últimas propostas de Ciudadanos e incluso de Vox, un partido case inexistente, pero que ao parecer conta cunha boa tesourería que paga bos avogados para denunciar o novo presidente catalán e a quen se lles poña por medio.

A corda vaise tensando entre Cataluña e España, polas dúas partes. España leva, en principio, todas as de gañar, pero con líderes como os de Ciudadanos e Vox, e co PP en descomposición, tanto pode chegar un novo fascismo, quizais menos armado e máis virtual, como o ridículo. “Con dos gotas de sangre y un rayo de sol, hizo Dios una bandera y se la dio a un español”, escribe a testemuña clave do caso de sedición e seguidora de Ciudadanos. Con frases así poden arder as redes. O ridículo.

Os últimos pasos tácticos de Beiras non deron resultado. Na mesma entrevista afirma que se está producindo unha transición ao revés. Pode parecelo, vendo as últimas propostas de Ciudadanos e incluso de Vox

 

A subida do petróleo tensará máis a corda. Co barril por riba dos cen euros, a mellora superestrutural da economía española desaparecería. A situación aconsella agardar, os que teñen traballo e un posto relativamente cómodo non se mobilizan. A sociedade de consumo non creou persoas solidarias. Pero se a crise volve tamén para os grandes, a corda pode romper e incluso Vox facerse con grupo parlamentario. Os pobres aguantan, pero os ricos non acostuman a ter paciencia. 

Beiras, o táctico, di na entrevista vasca que o BNG ten organización e que Podemos en Galicia se parece á Esquerda Galega da primeira fase da autonomía, “un partido de gabinete”. Pau a dúas bandas. Nunca se levou ben con Camilo Nogueira. 

Beiras, o táctico, di na entrevista vasca que o BNG ten organización e que Podemos en Galicia se parece á Esquerda Galega da primeira fase da autonomía, “un partido de gabinete”

 

En Marea perdeu o glamour, aínda que iso non quere dicir que vaia quedar de repente sen votos. Pero é indicativo que algúns dos círculos que se moven ao seu redor, os máis nacionalistas, comecen a mirar de novo para o BNG que resistiu e que se renovou. 

Despois da explosión cósmica de Amio, pode comezar xa o reagrupamento arredor da estreleira? Quedan algúns inconvenientes. O primeiro a situación do Estado. Podemos, a pesar da inxenuidade dalgúns dos seus dirixentes, non se evaporará. E o BNG ten na CIG o seu freo de man. Os que traballan para o sindicato séntense máis ou menos cómodos na actual situación. E unha parte da base nacionalista teme que volvan ocupar algúns postos importantes persoas ás que non ven no traballo diario. Lenin tivo que quintuplicarlle o soldo aos enxeñeiros zaristas para que se puxesen ao servizo da revolución. Ah! As contradicións. Queremos eliminalas pero sempre volven

comentarios