Opinión

A Irmandade Galega de Bos Aires

A Irmandade Galega de Bos Aires (IG) cumpriu un papel esencial na emigración do noso país, tanto na divulgación do proxecto nacionalista, como en todo tipo de iniciativas para rematar coa ditadura franquista. A IG foi unha organización fundada a iniciativa de Castelao en 1942, ou sexa, hai agora oito décadas, coa finalidade de agrupar a todos/as os galeguistas tendo en conta a situación de emerxencia na nación galega. Axiña agromaron outras irmandades en Mendoza, Montevideo, etc. Esta estrutura completouse coa creación dun Goberno Galego no exilio o Consello de Galiza, presentado publicamente en 1944 en Montevideo. O voceiro da IG foi A Nosa Terra (ANT), que durante un breve tempo no exilio o sería da agrupación do Partido Galeguista.

Os primeiros dirixentes da IG foron, como presidente o deputado agrarista Antón Alonso Ríos

A Irmandade Galega tivo como grupo matriz o Partido Galeguista de Bos Aires, mais incorporáronse sectores amplos, e destacou axiña a mocidade que proviña da arredista Sociedade Nazonalista Pondal (que mantiña relacións por carta con Antonio Soto o "Gallego Soto" das folgas da Patagonia. A Pondal xurdiu no ano 1926 e se mantivo activa ate 1936, cunha etapa posterior da "fouce vermella" (1941-1943) e un abortado Partido Comunista Galego, unha iniciativa de Moises da Presa, entre outros.

Os primeiros dirixentes da IG foron, como presidente o deputado agrarista Antón Alonso Ríos, como vicepresidente o poeta Ramón Rey Baltar, como secretario Xosé Abraira, como vice-secretario Daniel Nogueira, como tesoureiro Fernández Prol, como pro-tesoureiro, Eduardo López, Vocais: Vicente Barros, Pedro Campos Couceiro e Xohán González. Axiña constituíase as Mocidades Galegas de Bos Aires que daban a coñecer un manifesto o 28 de xuño de 1942, asinado por Manuel Pedreira, secretario xeral, Bernaldo Souto, organización, González Blanco, finanzas, e Buxan Rivas, propaganda. Destacaban como obxectivo reivindicar, como opción minimalista, a liberdade de Galiza; así como alentar a creación de organizacións semellantes na emigración galega en Uruguai, México, Cuba, Nova Iorque, etc...

Na década dos sesenta e setenta do pasado século unha boa parte dos referentes da IG proviñan da Pondal

Cando me acheguei á Irmandade Galega, no ano 1967, con vinte e un anos, traballaba nunha fábrica e estudaba na facultade de enxeñería polas noites. De 1969 ate que retornei en novembro de 1972 fun secretario da IG (non secretario de actas, como se di nalgún texto sobre o tema, no ano 1969 non se elixiu tal, nin eu cumprín esa tarefa, mais escolleuse en 1970 a Sánchez Romero, ver ANT nº514 de setembro dese ano). Daquela aínda estaban en activo na colectividade patriotas como Alonso Ríos, Seoane, Puente e Abraira, Avelino Díaz, (poeta da Terra Chá que xa era moi maior, tiña problemas de vista, presentoumo un mozo galego, anarquista, Xerminal Filgueira), Daniel Nogueira da Unión Quiroguesa, ou o ourensán Lois Guede, que tamén participaría da dirección do Consello de Galiza, e moitos máis.

Na década dos sesenta e setenta do pasado século unha boa parte dos referentes da IG proviñan da Pondal, como o marxista Moisés Da Presa, o escritor Ricardo Flores, o poeta Bernaldo Souto... aos que se sumaban un grupo de persoas cun compromiso nacionalista ligado á problemática social, como o socialista Bieito Cupeiro (de Fene), o vendedor-divulgador dos libros de Galaxia Manuel Pedreira, ou os vellos militantes do sindicalismo anarquista na arxentina Xosé Lema Novo e Ricardo Montero.

A UPG foi gañando a atención da Irmandade e do Consello de Galiza

Durante este período editáronse dous pequenos libros, un de Risco (Teoría do Nacionalismo Galego) e outro recollendo escritos de Xohán Vicente Viqueira (un dos referentes de esquerda do Partido Galeguista). Ademais déuselle un novo pulo ao xornal A Nosa Terra, que había algúns anos que non se publicaba. Imprimíronse nove números entre 1968 e 1972 (en varios escribín artigos con distintos alcumes, xa que a miña meta era retornar axiña a Galiza). Ademais fíxose un esforzo especial para evitar que Ramón Mourente continuase na presidencia do Centro Galego (xa que quería manter relacións coa Embaixada española, ou sexa, co réxime franquista). Algo que se conseguiu, con milleiros de persoas votando nas eleccións desta institución, contrastando coa situación na Arxentina, daquela baixo a ditadura militar (Ongania, Levingston, Lanusse; de 1966 até 1973). Tamén hai que salientar que todos os anos a IG reunía a centos de persoas nunha “cea patriótica”, como parte das Xornadas Patrióticas, na noite previa ao “Día Nacional de Galiza”. Un dato, nun dos primeiros números de ANT como voceiro da IG propúñase que o Día Nacional fose o do referendo do Estatuto. Un tema que xurdía de cando en vez como debate dado a coincidencia coa festividade relixiosa, outro tanto sucedía co himno galego en relación con En Pé! De Cabanillas.

A UPG foi gañando a atención da Irmandade e do Consello de Galiza, axudou moito neste aspecto o convite a Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín, daquela ambos militantes desta organización, a que viñeran á Arxentina co gallo dos Xogos Florais do Idioma Galego e das Xornadas Patrióticas Galegas de 1968 (e que nos incorporásemos á UPG tanto eu como Viñas Leiro, Francisco Lores...). Isto axudou a abrir expectativas na IG e no Consello de Galiza para alén do grupo Galaxia e do galeguismo cultural na Galiza, como se reflicte nas páxinas de ANT.

Na Irmandade en moitos casos os afiliados/as eran ou foran dirixentes das distintas sociedades galegas (Centro Ourensán, Pontevedrés, etc.), no Consello de Galiza... A IG cumpría o papel dunha fronte política dentro da colectividade galega e nas relacións con outras entidades da emigración e mantiña conexións con determinados/as galeguistas na Galiza interior. A Irmandade Galega de Bos Aires mantivo acesa a chama do nacionalismo galego durante este período escuro na patria por mor da opresión nacional e da explotación de clase que tiveron a súa máxima expresión no século XX coa ditadura franquista.

https://obloguedemera.wordpress.com/