Cárdenas, nacionalismo mexicano con base popular
Sen dúbida López Obrador será un dos presidentes mellor lembrados en México, tanto polo desenvolvemento económico logrado no seu governo e as políticas favorábeis ás clases populares, así como nas súas relacións exteriores a prol dun mundo multipolar. Razóns pola que acabou seu mandato cun apoio social do 62%. Mais, non foi un revolucionario... Manterá e afondará nas políticas progresistas a nova presidenta de México, Claudia Sheinbaum?... todo indica que si.
Agora ben, López Obrador ten antecedentes. Non se debería esquecer, por exemplo, que hai nove décadas, o 2 de xullo de 1934, Lázaro Cárdenas gañaba as eleccións á presidencia da federación mexicana. Foron seis anos de governo que deixaron unha pegada moi forte na sociedade, e que son referencia na esquerda do país. En 1930 os Estados Unidos de México tiña uns 16.552.000 habitantes, ou sexa unha presión demográfica moi inferior á actual, cando atinxe os 132 millóns de persoas. Cárdenas naceu no ano 1885 no estado de Michoacán, e en 1913 incorporouse á loita contra a ditadura de Huerta. No ano 1924 xa era xeneral de brigada e en 1928 xeneral de división. Combate contra a rebelión dos “cristeros” e resulta elixido governador de Michoacán. Os “cristeros” eran un movemento armado (1926-1929) que se opuña ás medidas do governo para limitar a presenza da Igrexa sobre o patrimonio da nación e os procedementos civís.
Como governador de Michoacán, de 1928-1932, Cárdenas destacou por acentuar tomar medidas a prol das clases subalternas, por exemplo no reparto de terras en explotación colectiva (ejidos), o que lle fará gañar prestixio popular e ascenso político: presidente do partido, secretario de governación no executivo nacional. Lázaro Cárdenas foi elixido presidente de México, co arroupe de Elías Calles, mais irase afastando del, impondo a súa propia folla de ruta, tanto mediante unha maior sensibilidade ás reivindicacións populares como abandonando o anticlericalismo militante de Calles; que sería considerado o “xefe máximo da Revolución” e foi presidente de México de 1924 a 1928. No seu mandato creárase o Banco de México, ordenárase a construción de estradas, botarase a andar a primeira liña aérea, construíndo presas, sistemas de rego e numerosas escolas rurais.
Pola súa banda Cárdenas salientou durante a súa etapa de presidente pola nacionalización das empresas petroleiras, a potenciación da distribución de terras, a mellora das condicións laborais e a sindicalización, o fortalecemento do ensino e saúde públicas, e pola protección aos exiliados da IIª República (moitos deles galegos, como Elixio Rodríguez, Luís Soto, Carlos Velo, Gurriarán...). Non se pode ignorar que moitas medidas aprobadas estaban condicionadas pola necesidade de restar apoio ás forzas de esquerda, e pola crise económica de 1929. Tratábase polo tanto de desenvolver as bases dun capitalismo nacional, para o que era esencial incorporar o campesiñado ao mercado produtivo, unha vez que o investimento exterior xa non cumpría ese papel. Lembrar que no ano 1914 os investimentos dos Estados Unidos na América Latina estaban concentrados nun 84% en México.
Unha das primeiras medidas de Cárdenas foi legalizar o Partido Comunista. No eido agrario entre 1935 e 1940 repartíronse unha media por ano de 2.935.000 hectáreas a 129.000 persoas; o número de empresas industriais duplicouse, a ocupación atinxiu os 390.000 operarios, e a afiliación sindical triplicouse. Fíxose unha ampla reforma educativa pra eliminar o analfabetismo, e déuselle pulo á educación técnica superior. Mais, a decisión que tivo unha maior repercusión exterior e sobre a economía a longo prazo, e que sería sinónimo da vontade de soberanía do país, foi a nacionalización do petróleo en marzo de 1938; un ano antes fixera o propio cos ferrocarrís.
A presidencia de Cárdenas foi moi personalista, mais os seus logros no económico e social deixaron no povo un pouso positivo. Sen dúbida tivo unha importancia fundamental pra os de abaixo que se contase cos sindicatos, que se alentase o reparto de terras e que ademais se lles outorgasen recursos para a súa explotación. Seica este protagonismo sindical, no que destacou a figura de Lombardo Toledano, decaeu a partir de 1938. Dise que Cárdenas non loitou contra o capitalismo, senón que lle deu novas regras de funcionamento máis acordes coa realidade mexicana, por esa razón aumentaron tanto o investimento público como o privado durante o seu governo. O que non se pode negar é que mellorou a situación do povo e seu protagonismo.