Opinión

Cando na guerra dáse prioridade ao espectáculo

Sen dúbida, que o presidente da Ucraína apareza en todos aqueles encontros que realizan seus aliados e promotores (OTAN-G7), e o exército do seu país ligado a todo tipo de ataques a obxectivos simbólicos, é unha proba de que a guerra está cada día máis decidida a prol de Rusia. É así, porque malia que as declaracións do governo de Zelensky e “occidente” ergan cada vez máis o ton para afirmar o contrario, non se pode ignorar o fracaso da actual ofensiva de Kiev, e sobre todo os resultados negativos das sancións a Rusia, especialmente para a Unión Europea.

Polo tanto, de pouco vale escenificar como un éxito militar a chegada dalgunhas lanchas a Crimea, presentándoo como unha conquista deste territorio, cando se trata dunha acción anecdótica, que ademais non puido cumprir se obxectivo orixinal: ocupar por unhas horas unha parte do territorio. A pregunta que fica pendente é: até que punto esta acción simbólica non está relacionada coa presenza de Zelensky en Granada no 3º Cumio da Comunidade Política Europea, coa asistencia de xefes de estado e presidentes da UE, coa finalidade de Kiev de obter máis subvencións e material militar para manter a guerra e ao seu governo, e tamén co obxectivo de illar as voces criticas da Unión?...

Resulta evidente que cando se sobre actúa con accións militares chamativas normalmente é porque a situación sobre o terreo non é precisamente a mellor, a máis vendíbel. E ademais, neste intre, o apoio á guerra por parte dos Estados Unidos está cuestionado pola oposición de sectores do Partido Republicano, a dificil situación económica no país e os atrancos de tipo institucional, concretamente na Cámara de Deputados/as. Ademais, a esta altura todo indica que Rusia optou por facerse forte na actual liña da fronte onde está desgastando tanto a nivel de efectivos humanos como de armamento a Ucraína+OTAN, con custes moito máis baixos para o exército ruso. Unha ofensiva con importantes avances territoriais implicaría perder estas vantaxes, a menos que forzas da OTAN deixaran de apoiar a Kiev ou o grao de desgaste as volvese incapaz de responder este tipo de ataque.

Manterase a guerra durante a próxima década, como ameazan certos lideres “occidentais”, ou sinxelamente é unha chulería máis para tapar as debilidades militares ou/e uns custes económicos que están a deixar en evidencia os fallos da folla de ruta que escolleron para manter seus privilexios imperiais de Estados Unidos, e sub-imperiais no caso da UE?... Todo fai pensar que unha década é moito tempo, tanto no plano militar como no político. Máxime cando no mundo estanse a vivir situacións tan delicadas como a desfeita ecolóxica, unha confrontación que vai a máis co perigo da utilización de armas nucleares, a crise dun sistema esgotado... Que se suma á desfeita da propia Ucraína que segundo as informacións viu reducir a súa povoación a 23 millóns de habitantes (nos territorios controlados por Zalensky) menos da metade dos que tiña esta República na década dos noventa do século pasado (52 millóns). Un desastre.

O único camiño razoábel é o da paz, para todas as partes. E aínda que esta dependa en gran medida da actitude dos Estados Unidos, que manexa os fíos do conflito, a actitude que manteñan o resto do mundo importa moito, así como un forte movemento social a prol da negociación das diverxencias e de acordos con garantías,... dun mundo multipolar, de xustiza social, de soberanía dos povos.... En todos estes aspectos existe unha responsabilidade histórica na Unión Europea, da que non debe nen pode fuxir, especialmente cando toma decisións que non son debatidas nen consultadas á sociedade. Puro e duro autoritarismo, aínda que se asocie á burocracia (que tamén a hai)... Ulo a democracia da UE, que tanto predica?