Opinión

Insomnio

O cambio de hora que se produciu esta semana é unha das causas que poden concorrer no insomnio, a alteración máis común que leva ás persoas a consultar sobre a súa saúde mental. O insomnio é calquera dificultade para manter ou conciliar o sono, pero só se é continuado ou moi frecuente pode considerarse un trastorno. Aínda que asociamos a palabra coa dificultade ou incapacidade para ficar a durmir, o que coñecemos como insomnio de conciliación, tamén poden existir moitos outros problemas. Hai persoas que concilian o sono con relativa facilidade pero que espertan moi cedo ou no medio da noite, moito antes do que precisarían ou do que desexan. Tamén hai quen sofre varios espertares ao longo da noite, o que fai que o sono se fraccione e a súa calidade e eficacia reparadora sexa menor. Por último, vense tamén queixas do que podemos chamar sono non reparador: a persoa durme, pero non descansa, non sente que o sono "repare" o cansazo producido durante a vixilia.

Os procesos do sono son moi complexos e en parte descoñecidos, e poden observarse mediante unha proba específica chamada polisomnografía: a persoa ten que durmir nunha habitación especial nun centro médico no que se monitorizan os parámetros do seu descanso: cantas horas durme, cantas veces esperta e por canto tempo, e as fases do sono coa súa respectiva duración. Xa forma parte da cultura popular que o sono saudable consta de diversas fases, alterando as de sono profundo coas de sono REM. Esta outra fase, coñecida como a de movementos rápidos oculares (rapid eyes movements, REM polas siglas en inglés) é onde se producen os soños e parece ser particularmente importante no descanso.

O insomnio non deixa de aumentar nas sociedades industrializadas, e hai multitude de factores que o empeoran. A actividade laboral que ás veces obriga a erguerse cando aínda non hai luz solar, combinada coa excesiva iluminación á que estamos expostas durante as horas nocturnas, fan que o noso cerebro non segregue correctamente melatonina, unha das hormonas responsables do sono e que segue o ritmo día-noite. Se a isto lle sumamos o sedentarismo, o estrés ou as dietas pouco equilibradas ou con horarios irregulares, o problema está servido. Hai moitas destas circunstancias que están fóra do noso control, pero manter unha boa hixiene do sono é o primeiro paso para evitar engrosar as estatísticas do trastorno máis frecuente.

Comentarios