Opinión

Aí queda un fusil

Pois si, finalmente contaxieime. A pesar da dramática referencia á lámina de Castelao, cando se publique este artigo xa estarei lista para incorporarme ao meu posto de traballo. O cal é unha sorte, porque non está previsto que ninguén recolla ese fusil. 

Contaxieime, como era de esperar, traballando. Isto non me fai nin mellor nin peor persoa que aquelas compañeiras sanitarias que contraeron a enfermidade noutros contextos, sexan estes familiares, de ocio ou calquera que sexa. A pesar disto, tamén fun cuestionada. Contaxieime no meu posto de traballo, e aínda así púxose en dúbida se tiven ou non “suficiente coidado”. Que é suficiente? Por suposto, non rompín ningunha norma. Tampouco a incumpriron, cabe destacar, as compañeiras que deron positivo tras ceas ou xuntanzas no seu tempo de ocio, e que mereceron incluso unha declaración pública da máxima autoridade autonómica. Unha especie de rifa paternalista e desaxeitada cara a persoas adultas por realizar actividades legais con medidas de prevención. Convertemos a pandemia nunha ginkana de pureza moral, nunha competición para ver quen é máis coidadoso, quen se restrinxe máis, quen bota máis tempo sen ver a familia e amigos. A xente presume de que hai dous anos que non ve aos seus avós como se iso os fixese merecedores do premio ao máis virtuoso. En consecuencia, quen se contaxia é porque algo fixo mal. Algo, o que sexa.

Incluso sabendo que isto é perverso, non puiden evitar sentirme atinxida, e preguntarme se realmente puiden facer algo máis. Non comer cos meus compañeiros de traballo durante a miña quenda? Deixar abertas as portas a pesar de poñer en risco a privacidade dos pacientes? Cambiar a máscara con máis frecuencia? Non botei suficiente xel? Todo isto sendo sanitaria e padecendo a forma máis leve da enfermidade, sen consecuencias graves para min nin para ningún ser querido. Non quero imaxinar o que pode ser ese cuestionamento para alguén que enferma gravemente ou que transmite a enfermidade a alguén vulnerable. Ademais do problema de saúde, ter que loitar coa dúbida esporeada polo discurso público de se fixemos suficiente.

É unha pandemia, non unha competición. Quen dá positivo pode ser por mil motivos, e só un deles é a falta de coidado. Animo dende aquí a non verter opinións morais sobre cuestións de saúde, porque nunca sabemos o dano que poden facer. Esta vez, por propia experiencia.

Comentarios