Opinión

O Brasil e a Copa do Mundo de Fútbol. Saqueo, pobreza e complicidade internacional

O 12 de Xuño comezou, en São Paulo, a “Copa do Mundo” de Fútbol, para rematar o 13 de Xullo en Río de Janeiro. É un mes, onde o Brasil pasa a ser a capital mundial do Fútbol e onde todos os medios de comunicación virarán, por unha vez, cara o estado do Santo Cristo. 

O 12 de Xuño comezou, en São Paulo, a “Copa do Mundo” de Fútbol, para rematar o 13 de Xullo en Río de Janeiro. É un mes, onde o Brasil pasa a ser a capital mundial do Fútbol e onde todos os medios de comunicación virarán, por unha vez, cara o estado do Santo Cristo. 

"O goberno de Dilma Roussef leva gastado máis de 30 mil millóns de dólares. Un despropósito se atendemos ao soportado por outros estados"

Os xornais e informativos, non só os deportivos, abrirán día si e día tamén, coa vitoria dunhas “nacións” sobre outras, ou co ruxir das bancadas “nacionais” a celebrar un gol do seu conxunto nalgunha das 12 cidades onde se disputa a copa. Exaltación das identidades nacionais, que oculta tras de si un verdadeiro calvario.

A situación social do Brasil é convulsa e entrecrúzanse, nesta etapa pre-mundial, cos intereses económicos en torno ás grandes obras de infraestrutura. O estado actual das mobilizacións socias, xunto co aumento do esquema de seguridade e control policial-militar, que se implanta nas cidades onde hai partidos previstos, está enmarcado no impacto que o mundial vai ter sobre as eleccións que están ao caer.

A xestión Antisocial 

O goberno de Dilma Roussef leva gastado máis de 30 mil millóns de dólares. Un despropósito se atendemos ao soportado por outros estados: 4,7 mil millóns de Xapón no 2002, os 5,5 mil millóns de Alemaña en 2006 ou os 3,5 mil millóns de África do Sur en 2010 pola organización do mesmo evento.

Só no Castelão, unha das obras faraónicas construídas para tal evento, se inverteron máis de 110 millóns de euros na súa reconstrución, a mesma cantidade que o Estado do Ceará (estado do Brasileiro onde se empraza) inverteu en escola públicas nos últimos catro anos xuntos.

Unha gran parte das obras son financiadas polo BNDES (Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social), ao cal se lle llama “a nai da Copa” xa que financia non só estadios senón tamén as enormes obras de infraestrutura, e mans de empresas privadas.

Mais unha vez, a explicación ao gasto desorbitado e sen control, atopámolo no gasto en prórrogas innecesarias de contratos e adxudicacións públicas a empresas privadas. O atraso nas entregas é parte dun sistema onde predominan os procedementos corruptos e os negocios máis suculentos, mentres os seus cidadáns berran nas rúas polos dereitos máis básicos.

"Só no Castelão, unha das obras faraónicas construídas para tal evento, se inverteron máis de 110 millóns de euros na súa reconstrución"

Segundo o IBGE (Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística ), no Brasil, 29,6 millóns de hab. (o 15,5% da poboación total) teñen unha renda por baixo dos 427 dólares, dos cales 16 millóns están en situación de extrema pobreza con unha renda de 43 dólares por persoa e mes. A esperanza de vida rolda os 77 anos en mulleres e 74 anos en varóns, e dos máis de 30 millóns de mozas e mozos brasileiros, están en situación de pobreza o 30%. Entre o 10% da xuventude máis pobre, o 77% non estuda nin traballa. No Brasil o número oficial de nenos e nenas nas rúas é de 24.000. O número real é moito máis alto. 
A poboación brasileira ve con incredulidade como o goberno desestima a axuda social en favor de construcións de proporcións desmesuradas mentres supedita os sectores públicos ao beneficio empresarial privado.

Militarismo “Pacifista”

O goberno de Dilma, herdeira do Goberno de Lula da Silva (Partido dos Traballadores) espallou polas cidades de interese para o mundial, ás Unidade de Policía Pacificadora (UPP) para frear as cotas de violencia. Ben se pode entender como positivo o feito de recuperar terreo ao crime organizado, mais o seu proceder coas familias dos barrios máis desfavorecidos é arbitraria, represiva e violenta.

Máis de 130.000 persoas viven en situación de pobreza entre o aeroporto de Río de Janeiro e o famoso estadio de Maracaná.  Ao propio estadio, destináronse 355 millóns de dólares, mentres, en fronte a el, 600 familias foron desaloxadas para a construción dun estacionamento relativo ao mundial. Máis de 150 familias se viron forzadas a abandonar as súas casas  para que puideran construír un teleférico, que transporte dende o centro de Río cara a súa cima, Providencia. Agárdase que un total de 200.000 persoas sexan desaloxadas por construcións relacionadas coa copa do mundo. 

"Segundo o IBGE (Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística ), no Brasil, 29,6 millóns de hab. (o 15,5% da poboación total) teñen unha renda por baixo dos 427 dólares"

Segundo denuncia, Atilla Roque, presidente de Amnistía Internacional Brasil, na forma de proceder a “pacificar” as favelas, “identificáronse enormes problemas na forma na que as persoas foron notificadas, incluídas, consultadas e indemnizadas. E como tónica, sempre prevaleceu o lucro”. 

Baixo o a consigna de que deben manter a seguridade para o evento, chegouse a xustificar o uso de métodos historicamente coñecidos para reprimir e deter calquera intento de mobilización social. Pódese ollar como aínda persisten elementos autoritarios e represivos que relembran á ditadura máis férrea. E para exemplo de todo, a Policía Militar presente en todo o País.

No Brasil os dereitos civís non son para todos

Manuel Torquato, coordinador nacional de “Criança non é da rúa”, lembra como os grupos de exterminio, dende vehículos, disparan a nenos e nenas durmindo na rúa, nas portas de farmacias, para espallar o terror na cidade de Fortaleza (unha das cidades onde se disputan encontros). Casos de sobra coñecidos por toda a poboación brasileira baixo o nome do carro preto.

"Máis de 130.000 persoas viven en situación de pobreza entre o aeroporto de Río de Janeiro e o famoso estadio de Maracaná". 

Denuncia ademais, que este ano pecharon dúas organizacións nacionais de axuda infantil, con máis de 20 anos de existencia. Subsistían con fondos públicos que agora lles foron denegados. Agora eses nenos e nenas, que saían da pobreza e da explotación sexual, volven ás rúas.

Marcelo Freixo presidente da Comisión de Dereitos humanos de Río de Janeiro, alerta dos chamados “escuadróns da morte”. Denuncia que están formados por policías militares contratados por comerciantes, que fan servizo de exterminio para acabar cos mendigos que nas cidades brasileiras moran. Incluíndo, se fai falla, aos máis cativos. 

Entre 2007 e 2012, as forzas policiais do estado no Río de Xaneiro notificaron a morte por termo medio de 885 cidadáns por ano en operacións de “pacificación”. Na cidade de río 1 de cada 10.000 hab. foi asasinado neste período. Un deles, Amarildo, é hoxe en día e nas mobilizacións máis numerosas, un símbolo nacional dos brutais métodos policiais.

Os organizadores  non queren que a imprensa internacional vexan o lado pobre e desigual que padece o Brasil. Non son prioritarios os dereitos humanos, senon a preparación das cidades para o megaevento.

Complicidade Internacional

Non é de estrañar que Michel Platini, Presidente da Unión Europea de Asociacións de Fútbol (UEFA), dixera no pasado mes de Abril esta barbaridade: “Fagan un esforzo, déixense de estoupidos sociais e cálmense durante un mes”. 

"Segundo as enquisas estatais, o apoio ao mundial das brasileiras e brasileiros caeu por baixo do 52%. O máis baixo da historia",

Isto é un exemplo do que economicamente interesa ás grandes marcas e patrocinadores que arriban ao Brasil. É un exemplo da espoliación dos recursos económicos que a poboación brasileira está a sufrir en detrimento das súas vidas, para beneficiaren a uns poucos, e de cómo tentan, e moitas veces conseguen, que os mass media proxecten de forma intencionada, parcial e sectaria toda a información.

O  peor de todo, é o silencio mediático internacional que o pobo brasileiro padece e seguirán a padecer. O Brasil saíu ás rúas en milleiras de ocasións nos últimos anos; os cidadáns están fartos de vivir na miseria mentres saquean o país ante os seus ollos. Segundo as enquisas estatais, o apoio ao mundial das brasileiras e brasileiros caeu por baixo do 52%. O máis baixo da historia, sendo o Brasil como é, o país onde o Fútbol é a esperanza de milleiros de mozos para saír da miseria. 

A cidadanía conta agora cun gran escaparate para amosarlle ao mundo as laceiras que padecen. E así o van facer: perante aos estadios, nos lugares de concentración e reunión, nos actos oficiais da UEFA, pitando nos partidos… Mais unha vez, sufrirán o silencio máis doloroso xamais feito. Os medios dirannos que os pitos son ao xogo da Canarinha, e que os de Scolari non o están facendo ben. Mentres, nas rúas do Brasil, a xente berra e berrará por un futuro digno na propia terra. 

A frase de Platini, non tivo maior transcendencia no Estado Español, e incluso contou con adeptos. Nos grandes medios, mal chamados, informativos do Estado español, ocúltasenos a realidade que padecen, centrándose pola contra, na exaltación da unidade “nacional”. 

Españolismo desaforado e cómplice 

En breve, milleiros de bandeiras “rojaygualda” sementarán as rúas do estado facendo caso omiso ao que está a suceder. Os espazos públicos da Galiza inundaranse, sen permiso nin licenza, baixo unha maré de españolismo, que leva oculto no máis fondo do seu ser, a dor dos millóns de brasileiros que sofren neses intres. 

"En breve, milleiros de bandeiras “rojaygualda” sementarán as rúas do estado facendo caso omiso ao que está a suceder". 

Farán concentracións para veren partidos de Fútbol, e mesmo celebrar vitorias, sen que a policía española vexa aquí motivo para disuasión nin para apercibimentos económicos ante os máis que probábeis danos ao mobiliario urbano. Farán que a xente berre por quen disputa partidos ingresando soldos e primas astronómicas que desgravarán e tributarán, como é costume, noutros países, mentres os cidadáns malviven entre penurias. Os cánticos, apoloxía do españolismo máis banal, será a mellor imaxe para a ficticia unidade nacional de España, sendo ao mesmo tempo, muro contra o progreso nacional galego e contra a denuncia de pobreza que padece o Brasil.

Galiza en solidariedade co Brasil

Porque a loita das galegas e galegos por existir, por decidir, por saír do atraso no que España nos afunde, é tamén calada baixo os mass media futbolísticos ao servizo do neoliberalismo voraz que mingua a ámbolos dous pobos. Neste vindeiro mes, as galegas e galegos sacaremos ás rúas a bandeira da Patria, colgaremos dos nosos balcóns a Estreleira. Será coa nosa bandeira da liberdade, a humilde forma de apoio internacionalista do Pobo Galego ao Pobo brasileiro. 

Força Brasil Irmáns!

Comentarios