Opinión

Sermos quen, sermos Galiza

[Alberte Mera]

Galiza pode, ten unha sociedade preparada, recursos naturais, económicos e enerxéticos, é potencia en ciencia, investigación e en traballo. Ten historia milenaria, lingua e cultura propias, tradición que hoxe é alicerce das expresións artísticas máis vangardistas no mundo. Temos pois unha manchea de argumentos para rachar con ese pesimismo inoculado durante séculos que impide reparar nas capacidades que como pobo, as galegas e galegos temos.

O xornal que vostede ten nas súas mans achega hoxe reflexións sociopolíticas sobre o porvir deste país, da líder do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, a quen agradecemos tivesen a ben atender este xornal, gratitude que lamentamos non poder estender ao PP. A pesar das múltiples peticións telefónicas e en persoa aos gabinetes de comunicación do PP a nivel galego e do grupo parlamentar, non se nos concedeu a entrevista á súa secretaria xeral.

Ademais, Nós Diario achégalle hoxe un número especial do semanario Sermos Galiza con motivo do Día da Patria Galega que, baixo o título 'Somos quen de producir', analiza a través de dez entrevistas a representantes de empresas do tecido produtivo galego como si somos potencia.

Comentarios