O 'Sermos Galiza' especial Día da Patria Galega demostra que "somos quen" de producir

Nós Diario chega este sábado acompañado dun Sermos Galiza especial, con motivo do Día da Patria Galega, dedicado á economía produtiva.
Detalle da capa do especial, obra de Pepe Barro.
photo_camera Detalle da capa do especial, obra de Pepe Barro.

Con motivo do Día da Patria Galega publicamos un Sermos Galiza especial, con dez entrevistas a persoas destacadas de empresas representativas de diferentes sectores.

Unha maneira de valorizar a potencialidade da Galiza en diferentes ámbitos e de demostrar que somos quen de producir e de producir riqueza cun modelo produtivo que se afasta da especulación e do curtopracismo. Unha maneira de reivindicar unha economía baseada no coñecemento e na creatividade e creadora de emprego, desde un punto de vista sustentábel. Unha maneira de apelar a unha dinámica que aposte na innovación e na investigación e desenvolvemento para reforzar a capacidade produtiva, en aras de postos de traballo de calidade e coa ollada posta na construción dunha economía sólida e competitiva.

Dez entrevistas

As entrevistadas e entrevistados, unha pequena mostra de que a Galiza pode crear riqueza, explican a capacidade produtiva de diferentes empresas, o modelo baseado en actividades de valor engadido e coñecemento e tamén as debilidades dos respectivos sectores. Conversamos ao respecto con Lito Andión, xerente da cooperativa Queixos Hoxe; Alejandro Argibay, directivo da compañía de auga filtrada Augaplus; José Luis García, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras; Pedro González Boquete, director executivo de Leite Noso, comercializadora de Deleite, e Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Galletas Daveiga.

Abrimos o prisma con Eduardo Míguez, director adxunto de Porto de Celeiro (Viveiro); Melisa Pagliaro, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa; Elena Pérez Canal, directora de Márketing e responsábel do departamento de exportación para os Estados Unidos de América e o Canadá de Aceites Abril; Esteban Raposo, director xerente de Toldos Gómez, e Paulo Rodríguez, director de Desenvolvemento e Comunicación de Dinahosting.

Un panel coral, cos pés na realidade galega

Eis un panel coral cos pés na realidade galega, pois é na Galiza onde adoptan as decisións que condicionan o seu futuro. Precísanse máis iniciativas empresariais dispostas a pór en valor o conxunto dos sectores produtivos, que fechan ciclos na Galiza e xeran valor engadido ás potencialidades. Con propostas innovadoras que amosan que a Galiza é quen de competir nas diferentes esferas da actividade económica.

Son as empresas destas características as que xeran máis emprego no país e, precisamente, por ese arraigo coa Galiza actúan como motor de dinamización do tecido económico, dando as costas a propostas de deslocalización que acaban xerando ermos industriais.

O semanario estará á venda este sábado nos estabelecementos habituais e tamén na loxa. Poderá comprarse até o propio Día da Patria Galega, esta segunda feira, nos quioscos. Se non es subscritora ou subscritor, faite asinante aquí.

Comentarios