Opinión

O PP nin co Seminario

[Alberte Mera]

Apunto estamos de entrar na derradeira quincena de 2023 e con este ano despedimos o centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha efeméride na que afondou Nós Diario, así como o semanario Sermos Galiza en colaboración coa AC O Galo, ademais de universidades, entidades públicas e privadas e a sociedade galega máis activa, investigadoras e investigadores... É preciso recordar unha xeración valente e o esforzo titánico do nacionalismo galego dos anos 20 e 30 por dotar Galiza dun corpus científico, analítico e recuperar a cultura e a lingua galegas. O Seminario de Estudos Galegos puxo Galiza na vangarda do coñecemento, como dicimos agora, da innovación e do desenvolvemento.

Que futuro máis prometedor tería o país se o franquismo non o mutilara. Asasinados, represaliados, exiliados, depurados... os membros do SEG sufriron a represión españolista na súa pel. E fica aínda xustiza, devolver á Galiza os fondos espoliados do SEG e que hoxe están nun instituto, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (galeguicen polo menos o nome!), nado na ditadura e parte do CSIC español.

Ben, o PP votou onte no Parlamento da Galiza en contra da iniciativa formulada polo BNG para pór en valor o legado do Seminario de Estudos Galegos aproveitando o seu centenario. O PP está ao seu: España, España, bandeira, bandeira. Triste a votación de onte na Cámara galega.

Comentarios