Opinión

Lóxico non é o cinismo

[María Obelleiro]

A concesionaria da principal autoestrada da Galiza informou de que en 2023 gañou uns 83 millóns de euros, un 25% máis que o ano anterior. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, preguntado onte pola prensa sobre o aumento de beneficios rexistrado por Audasa, salientou que “non é lóxico gañar tanto e ter esas subas (de peaxes) tan grandes”. Como sempre ocorre nas súas intervencións, aproveitou para golpear verbalmente o Goberno español.

Non lle falta razón a Rueda ao cargar, neste tema, contra o Executivo español por seguir pendente a transferencia da titularidade do viario á Galiza, mais el non é o máis indicado para criticar a xestión da autoestrada. En primeiro lugar, porque a data de reversión da AP-9 é en 2048 e as diversas prórrogas foron concedidas non só por Gobernos do PSOE, tamén, e sobre todo, polos do PP. En segundo lugar, porque o PP ten votado en contra da transferencia da AP-9 á Galiza (tampouco estraña tendo en conta que, en 15 anos, o PP non solicitou ningún traspaso de competencias) e, en terceiro lugar, porque nunca fixo nada para abaratar as peaxes. De feito, se hoxe dispomos de bonificacións non é grazas ao PP, senón que é froito da negociación de PSOE e BNG no marco da investidura de Pedro Sánchez. Xa cansa tanto cinismo.

Comentarios