Opinión

É A Toxa

[Alberte Mera]

O grupo Hotusa loce enfeites de alta sociedade no foro económico neoliberal que volve organizar este ano na Toxa baixo a denominación 'Foro La Toja', empregando unha forma deturpada do topónimo. Recordando Rovira, A Toxa é A Toxa, aquí e na China popular. O foro transcorre estes días con presenza do rei español, apenas unhas semanas despois de que transcendera a reclamación duns 20.000 euros en concepto de débedas a Hotusa, que se traduciu no embargamento dun inmóbel a Dahab Properties, tras a que está Amancio López Seijas, presidente de Hotusa.

Ademais, Hotusa foi rescatada da quebra con 251 millóns de euros do Estado a través da SEPI en 2021. Así calquera defende o libre mercado! As débedas do grupo criticadas por provedores e traballadoras non impiden que gobernantes e empresarios coloquen Hotusa como exemplo empresarial. En fin, rancio foro albergamos na Galiza.

Con todo, vendo os fitos históricos que as galegas e os galegos temos logrado coa denuncia pública e a mobilización social, de seguro que este foro, se é que non morre, acabará por deixar de deturpar e maltratar a lingua e a Galiza, da mesma maneira que se ten conseguido coa presión popular o uso correcto da toponimia por empresas e institucións públicas que acabaron por emendarse. O galego é lingua de prestixio. Empregar "La Toja" só amosa que o señor diñeiro adoita ir da man da ignorancia e do odio.

Comentarios