Opinión

O cero de Rueda e Feixoo

[Alberte Mera]

Nova sesión onte no Parlamento e, outra vez, o acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado co BNG centrou o pleno. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cargou contra ambas as forzas da oposición, nacionalistas e socialistas, por tal acordo. Porén, non reparou en que, como recolle hoxe este xornal, a súa nota, como a de Alberto Núñez Feixoo, é un cero en Galiza: cero en competencias gañadas para a Galiza, cero en autogoberno e no seu avance. Vergoña señor Rueda debería darlle tanto a vostede como ao seu antecesor no cargo e hoxe líder do PP español, que axita o ultraespañolismo e a ultradereita nas rúas como un neno ciumento tras perder a votación de investidura. Vergoña que non teñan logrado ampliar o autogoberno da Galiza en todos estes anos que transcorreron desde 2009, ano en que regresaron á Xunta da Galiza. Vergoña por ver como a súa dieta de adelgazamento para a Galiza vese superada de súpeto polo acordo que nacionalistas e socialistas subscribiron e que supón que nesta lexislatura a Galiza vaia gañar un mínimo de 35 competencias presentes no Estatuto de 1981, que tras tantos anos, segue sen tan sequera completarse. E iso que ben cativo é o Estatuto para as aspiracións da Galiza. En fin, xa que nada fixeron polo menos fagan algo no futuro inmediato: formalicen a petición desas transferencias para que o Estado nolas entregue aos galegas e ás galegas.

Comentarios