Opinión

Teimosía existencial

Que riquiños os galegos! Xa se sabe que son boa xente. E digo isto sen estereotipos porque gusto moito de comer marisco no verán. Tamén churrasco. Que ben se come no noroeste! E digo isto sen estereotipos, que son boa xente. E bos traballadores, sempre os podes levar de albaneis a Suíza ou de criadas a Madrid. Desculpade, confundinme de década, quería dicir que os podes levar de soldadores a Holanda e de camareiras a Londres. Isto se non son universitarias, porque logo de traballar nun burger, aínda queren seguir coa súa carreira investigadora. Polo demais, xente moi riquiña.

Ás veces teñen iso de protestar. Que se "nunca máis" ou "eólicos si pero non así", grandes lemas que con non facerlles caso xa se lles pasará. De feito, están acostumadas e acostumados a que se lles ignore. Levan décadas explicando que a pesca tradicional é unha actividade sustentábel e nin caso. O mesmo caso que lles fai cando falan de enerxía ou transportes. Só temos que ver os montes cheos de eólicos, despois de pasar polos encoros da hidráulica ou as térmicas.

Todo isto para trasladar a enerxía e os seus beneficios a Madrid; onde pagan impostos as empresas e onde reparten beneficios os consellos de administración. Debe ser ese exceso de enerxía e cartos alleos o que naquelas terras lles dificulta comprender que as mareas soben e baixan ou a fonética da representación gráfica "x". 

Con todo e iso, esta xente riquiña é teimuda e volven protestar pola eólica mariña. Veña con teimar en explicar que pór punto final definitivo á pesca galega ou que amarrar aos fondos mariños galegos inmensas plataformas ten tanto de ecolóxico como comer peixe alimentado en piscifactorías industriais con pensos e antibióticos. O ministerio da transición cara á ecoloxía considera que abarcar unha superficie de 2.688 quilómetros cadrados, o 54% do espazo reservado en España para a eólica mariña, algo así como a provincia da Coruña, é un futuro que os riquiños non son quen de ver como positivo. Ben pensado, despois da provincia dos emigrados, sería algo así como unha sexta provincia. Iso si, competindo en despoboamento con Lugo e Ourense.

Co boa xente que son e o que lles custa entender. Debe ser ese carácter pailán que os fai desconfiar das bondades do roubo. E mira que se lles repite iso de hai que ser solidarios. Como sempre están no medio da escaleira fáltalle comprensión á xente riquiña. Quen non sabe que carecer de tren de proximidade é polo seu ben, que así chegan antes a Madrid desde Vigo que a Ferrol. Se queren ir a Lugo xa mellor que vaian a pé facendo o camiño.

Claro que se por un casual queren ir á Costa da Morte, ao Baixo Miño ou outra comarca galega que collan o coche porque o transporte público non se contempla no concepto de transición ecolóxica. De todos os xeitos, sempre poden transitar pola AP-9, a autoestrada máis cara do Estado e contribuír de xeito solidario a que un fondo de pensións holandés faga caixa coa súa mobilidade. 

Mira que son xente riquiña. Que mágoa que teimen en sobrevivir.

Comentarios