Opinión

'Amencer vermello'

É o título dun filme do 2012, naturalmente norteamericano, que recrea unha situación tan verosímil como é a invasión terrestre dos Estados Unidos por parte de tropas norcoreanas e a resposta heroica do pobo ianqui fronte á cruel ocupación militar estranxeira. Este guión resulta francamente difícil de dixerir para quen non somos estadounidenses. Porque –admitámolo– moi realista non é. Como tampouco o era o seu filme antecesor, de 1984 e co mesmo título, onde neste caso eran tropas soviéticas, co apoio de Cuba e Nicaragua, as que invadían os USA.

Non vos riades, porque o conto é triste, que diría o noso Castelao. Como triste é o novo panorama belicista que se está a sementar e alimentar desde o Goberno español e a Unión Europea. Nesta pasada semana santa non só houbo oración, liturxia, procesión e recollemento espiritual na elite política española, que tamén. O que si houbo foi moita exacerbación militarista hormonada.

Por varias vías. Margarita Robles, ministra de Defensa, no mellor estilo holliwodense, espetounos o risco dun Amencer vermello, con iso de que "temos que nos preparar para a guerra: un mísil balístico pode chegar dende Rusia". Olliño. A cousa parece estar quente. De momento non dixo nada da ameaza norcoreana, mais todo chegará. E non moito máis calmo, o seu compañeiro do PSOE e xefe da diplomacia (manda truco!) da Unión Europea, Josep Borrell, despois de cualificar Europa como "xardín" (sic), pontifica co seu habitual tacto ao afirmar que "non é o momento de falar da paz, senón de apoiar militarmente a guerra", e ademais, agárrate Putin, "o exército ruso será aniquilado". Descoñezo a formación deste homiño en relacións internacionais, protocolo e resolución de conflitos, mais deduzo que non sería o primeiro da súa promoción. Os do PP non son menos. Xa foron directamente a Israel (no actual contexto de exterminio do pobo palestino) para visitaren instalacións de montaxe do mísil Spike LR2 (dos que España mercou 1.680 unidades e 168 postos de tiro) e apoian o fortalecemento da OTAN, USA e o que faga falta. Francamente, hai momentos en que actuacións ou declaracións públicas de altos "responsábeis" políticos me fan preguntar que tipo de substancias ideoloxicamente alucinóxenas poden consumir.

O obxectivo declarado non é outro que o incremento do gasto militar. Tanto ten que o Estado español padeza unha débeda galopante e que existan imperiosas necesidades sociais, as máis básicas, por cubrir. Porque o máis importante é ter contento ao amo norteamericano e servida a industria armamentística, que –casualidades que ten a vida– é tamén basicamente norteamericana. 

E desde Galiza só nos resta, máis unha vez, erguer o noso berro pola paz, a xustiza, a dignidade e a liberdade dos pobos.

PD: Ademais dos mísiles rusos apuntando o Escorial, recomendaríalle á ministra de defensa que se preocupase tamén pola clara ameaza militar que representa Andorra para o Estado español. Porque non é o que parece, porque poden dar efecto sorpresa e ademais falan catalán. 

Comentarios