Opinión

Eleccións sindicais no ensino público

O ensino público celebra eleccións sindicais e delas, previsibelmente, o sindicalismo nacionalista sairá como forza maioritaria. 

O ensino público celebra eleccións sindicais e delas, previsibelmente, o sindicalismo nacionalista sairá como forza maioritaria. 

Chegan coa Consellaría de Educación empeñada en reformas educativas inseridas no marco de políticas económicas neoliberais e asentadas no predominio do capital financeiro sobre a economía produtiva, contrarias ás necesidades das maiorías sociais. Políticas de recortes con supresión de servizos, de profesorado, de bolsas. Políticas agresivas contra o noso idioma, hoxe en situación ben peor a como o atopou o PP no 2009. Políticas sen razón de ser, baseadas nunha idea  elevada a dogma polo  conselleiro Vázquez e o presidente Feijóo: todo é susceptíbel de ser obxecto de compra e venda, mesmo os servizos máis básicos. Mais non nos enganemos, utilizando a crise como desculpa, a mercantilización e a privatización da educación  ten como albo limitar a formación a unha boa parte da poboación para así afianzar os mecanismos de explotación e de dominación, de propagación dos valores clasistas, relixiosos, competitivos e sexistas. Con este modelo non se está dotando de máis calidade o sistema educativo, só se está segregando e clasificando en función da extracción social e das posibilidades económicas de cada quen. Isto sábeo o profesorado. Sábeno as familias. Sábeo o alumnado. Por iso a importancia de contarmos con organizacións sindicais que tamén o saiban . E que o practiquen. Porque no ensino teoría e práctica van da man.

O próximo día catro, na Galiza non se enfrontan só siglas na procura duns resultados: enfróntanse dous modelos sindicais e dous modelos de concibir o sistema educativo

O próximo día catro, na Galiza non se enfrontan só siglas na procura duns resultados: enfróntanse dous modelos sindicais e dous modelos de concibir o sistema educativo. Un representado por sindicatos de corte corporativista e obediencia estatal, que mesmo apoian ou impulsan políticas recentralizadoras; outro que aposta pola necesaria soberanía que nos permita a consecución dun sistema educativo galego, público, de calidade, laico e gratuíto, principios até o de agora avalados pola inmensa maioría do profesorado galego. E que sen dúbida volverán ser.

Comentarios