Opinión

"Mercadeo"

Están fóra de control no Goberno galego. Os últimos días San Caetano está impregnado dun "rojigualda" que xa non se recordaba. O conselleiro de Cultura, Educación e Formación Profesional, carteira da que depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, comparou onte a oficialización da lingua galega no Congreso español cun "mercadeo". Un fito histórico como este, arrancado ao PSOE polas formacións nacionalistas no marco das negociacións para viabilizar unha investidura no Estado, é para o Goberno galego, que debería velar pola normalización e promoción do galego, como "un mercadeo". Lamentábel e indignante señor conselleiro Román Rodríguez, unha ofensa saída da súa boca contra todas as galegas e todos os galegos.

Estas palabras de onte, vertidas para maior ofensa á Galiza no Parlamento galego, foron precedidas na xornada anterior dun veto do PP, e neste caso tamén do PSdeG, á Iniciativa Lexislativa Popular para a restitución da letra fidedigna do Himno galego, unha proposta que chegou á Cámara da man de Galiza Cultura, Vía Galega e cunhas 16.000 sinaturas que a avalaban.

Máis. Na fin de semana o presidente galego aplaudiu con esmero en Madrid o discurso galegófobo pronunciado por Alberto Núñez Feixoo na mobilización pola unidade de España. Non é obrigatorio "aplaudir o xefe", señor Rueda, se este vai en contra dos intereses da Galiza. Deberíanlle ter explicado cando aceptou a Presidencia que o cargo que agora desempeña é o de xefe do Executivo galego e que as súas xefas e os seus xefes unicamente son as galegas e os galegos.

Feixoo, pola súa parte, fracasou onte no intento de ser investido presidente do Goberno español. Foi vestido de rojigualda, agora de forma visíbel ao carecer de tanto revestimento "de bo xestor e autonomismo" que tanto pregoou o armazón mediático regado de axudas a dedo pola Xunta da Galiza.

Respecto por Galiza, pola súa lingua e polos seus símbolos, é o mínimo exixíbel a un Goberno galego. Fágase por tanto Galiza respectar.

Comentarios