Imprimir

A Xunta avanza nun cambio de modelo que imporá a docencia mixta na universidade

Redacción | 23 de maio de 2020

Os centros poderán solicitar docencia mixta de forma voluntaria a partir do vindeiro curso (Europa Press).
Os centros poderán solicitar docencia mixta de forma voluntaria a partir do vindeiro curso (Europa Press).
A Consellaría de Educación busca culminar nos próximos meses un programa de transformación da docencia universitaria na Galiza. Sen tempo e con grandes propostas de cambio que tratan de emular o modelo de universidades que xa naceron 'online' e que a comunidade educativa observa con receo.

Segundo avanzou esta semana a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Administración traballa coas universidades galegas na implantación dun modelo de docencia mixta a partir do vindeiro curso. Un modelo que afondaría nos principios fundacionais do Plan Boloña e do Espazo Europeo de Educación Superior, destacou a conselleira, Carmen Pomar, e que se desenvolverá a través do Programa de transformación á docencia innovadora no Sistema Universitario da Galiza (SUG), que contan perfilar nas próximas semanas.

O borrador que manexa a Xunta da Galiza para avanzar na transformación da docencia universitaria, ao que tivo acceso Nós Diario, sinala o obxectivo de "converter o alumnado no centro do proceso ensino-aprendizaxe. Deste modo o profesorado muda de transmisor oral e directo de coñecemento a asesor, mentor e orientador". 

A propista reduce o rol do profesorado ao dun interlocutor ou facilitador do proceso de aprendizaxe.

Con esta fin, anuncia prazos de "adaptación e preparación axeitada dos recursos humanos e materias" moi breves. "Non dispoñemos de moito tempo  ante o inicio dun novo curso académico nin existe experiencia previa nun proceso como o que agora se inicia", sinala o documento, que fixa a execución do programa en dúas fases. Unha de carácter voluntario, dirixida aos centros que no curso 2020-2021 "decidan comprometerse a impartir integramente as materias dun título de grao mediante o sistema de docencia mixta", coñecido co nome de blended learning. E outra, de xeneralización, "caracterizada pola implantación deste sistema de docencia mixta na maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas universidades do SUG", a realizar no curso 2021-2022.

O papel do persoal docente

A transformación do sistema universitario, tal como sinala o borrador do programa, abrangue medidas de carácter sanitario, tecnolóxico, de avaliación e financeiro. No futuro, os centros universitarios deberán garantir medidas de prevención e hixiene sanitaria, ademais de contar cun plan de prevención para cada facultade "que se axuste á Guía de recomendacións para unha universidade segura, elaborada polo Sergas". Unha proposta que afecta ao alumnado e ao profesorado, ao persoal das universidades con e sen contacto coas estudantes, á convivencia nos despachos e nos corredores, na cafetaría, nos laboratorios, ao uso da fotocopiadora automática, á práctica de deportes e á limpeza.

Con todo, a chave está na organización académica. A reforma aposta por "un sistema docente innovador" que exixe, di o borrador, a proposta de dous sistemas de avaliación, de libre elección polo estudantado, de forma que poida aprobar cada materia con anterioridade ao exame final; e que reduce o rol do profesorado ao dun "interlocutor" ou "facilitador do proceso de aprendizaxe". De feito, sinala o documento a respecto do perfil docente, "non abonda con ser un experto, é tanto ou máis importante saber deseñar, construír e impartir unha sesión formativa de carácter motivador". 

O programa que busca dirixir a transformación da docencia do SUG contempla que os centros acometan "investimentos materiais que acompañen o esforzo do profesorado para que a docencia mixta dun título se desenvolva en condicións similares á docencia presencial pura clásica". Sinala o reforzo formativo do Persoal Docente Investigador (PDI) mais tamén á mellora da docencia virtual "que require, esencialmente, investimentos en infraestrutura tecnolóxica".

Sindicatos denuncian que o cambio de modelo busca o desmantlamento da universidade pública.

O novo modelo promete mudar as relacións, as dinámicas e a propia institución, até o punto de suxerir "a contratación dun deseñador grafico ou community manager, que deseñe, date, actualice e publique contido regularmente", co fin de que o alumnado teña acceso en liña á totalidade dos recursos materiais necesarios para superar a materia en todas as plataformas dispoñíbeis.

Son algunhas das novas achegas ás que aspira o Sistema Universitario da Galiza a proposta da Xunta a través da Consellaría de Educación e da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), a quen lle encargou velar polo proceso de transformación co apoio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario da Galiza (Acsug).

Temen polo futuro da universidade pública

Os sindicatos rexeitan a iniciativa da Xunta para o cambio do modelo de docencia do SUG. Desde a CIG piden a súa paralización e censuran "a présa" coa que o Goberno galego "pretende obrigar" moitas titulacións a ser semipresenciais, "alterando a organización dos cuadrimestres, concentrando a docencia, coartando as vías de avaliación e suprimindo as clases teóricas presenciais". "É un cúmulo de despropósitos que disfraza de pseudo-innovador o que en realidade é un auténtico plan de desmantelamento do sistema universitario público de calidade".

Tamén desde CCOO critican o documento "sen unha base argumental, cun cronograma irrealizábel, sen un estudo económico serio e sen contar co alumnado". "É ofensivo, irresponsábel, afastado da realidade e mesquiño, por tratar de utilizar a difícil situación por mor da COVID-19 para facer políticas de recorte encubertas e unha privatización indirecta".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/xunta-avanza-nun-cambio-modelo-impora-docencia-mixta-universidade/20200522190917098211.html


© 2020 Nós Diario