Debate do estado da nación

Villares oferece como alternativa ao PP unha entente co BNG e co PSdeG

O líder da bancada confluente esforzouse por transmitir a idea de que si existe alternativa á hexemonía conservadora. Puxo como exemplo o acordo das tres forzas da oposición ao forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre a sanidade galega. "Somos forzas diversas, pero nos puxemos de acordo", dixo. 

LV
photo_camera LV

O portavoz de En Marea foi moi duro na descualificación do Goberno Feixoo, até o punto de o responsabilizar das altas taxas de sucidio que rexista o país, o dobro da media estatal. "Non, non nos merececemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios. Nen vosté nen ningúen ten dereito a amargarnos a vida", dixo.

"Un novo trato cidadán baseado na xustiza social". Esa é a proposta alternativa que defendeu Villares fronte ao PP. Un new deal que tería tres chanzos: investimentos sociais en proporcións do PIB semellantes ás de 2009 —ano da primeira vitoria de Feixoo—, a "desmercantilización" dos servizos públicos e de bens básicos como a auga ou a vivenda e unha reforma estatutaria de carácter social —e que parta da consideración de Galiza como nación.

O soporte político dese novo trato sería unha alternativa "diversa e plural", dixo en alusión directa a un acordo de En Marea con BNG e PSdeG. E nese sentido reivindicou a entente das forzas da oposición ao forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre a sanidade, exemplo de que si existe un denominador común suficiente para as formacións progresistas se entenderen. "Somos forzas diversas, pero nos puxemos de acordo arredor da defensa da vida e da saúde da xente", dixo.


 

Comentarios