A plataforma Vigo Histórico naceu o pasado mes de maio após a licitación dun proxecto de peonalización na Porta do Sol da cidade olívica, coa que o concello dotará a zona vella da urbe dunha grande praza pública.
A pesar de que a peonalización desta praza é unha reclamación de longo percorrido, a veciñanza organizouse en Vigo Histórico para esixir unha peonalización que vaia alén do meramente estético e que non implique a construción dun túnel con pronunciadas rampas de acceso ao longo da rúa Elduayen, xa que atravesará valiosas edificacións arquitectónicas de carácter modernista de comezos do século XX. Nese sentido, o portavoz técnico desta agrupación, Francisco Martínez, sinala a Sermos Galiza a necesidade de que a peonalización se estenda ás rúas seguintes á Porta do Sol, é dicir, Elduayen e o Paseo de Alfonso co seu monumental mirador modernista sobre a ría.
Estas rúas non só carecerán de peonalización fronte o desexo da veciñanza senón que ademais estarán atravesadas por pronunciadas rampas de acceso aos túnel que soportarán alto volume de tráfico rodado.
“Ao non teren cimentación a maior parte dos edificios da zona, isto pode dar problemas e aparición de gretas”, sinala Martínez quen resalta a preocupación da veciñanza sobre este tema.
As rampas de entrada e de saída do túnel terán unhas dimensións de 70 metros de longo e 7 metros de profundidade nas rúas Policarpo Sanz e en Elduayen.
“Queremos facer un Vigo Histórico completamente peonil”, reclaman desde a agrupación, e engaden que perseguen “unha zona sostíbel e moderna pensada para as persoas e non para os coches”.
Sinalan ademais que para o tráfico si hai outras alternativas e que a administración local debe facilitar, promovendo o uso do transporte público, o uso de medios de mobilidade alternativa como bicicleta e patín, reordenando o tráfico e os sentidos de circulación e instalando parkings disuasorios conectados co centro mediante transporte público.
As e os edís Marea de Vigo e BNG dan o seu apoio á reivindicación veciñal e esixen un modelo ordenado de urbanismo e de mobilidade e unha peonalización real na zona vella.