Imprimir

A vacina que fai da China referente global

Fernando Arrizado | 18 de marzo de 2020

Chen Wei, na imaxe, desenvolveu con éxito en 2003 un aerosol médico durante o brote da SARS, e en 2014 unha vacina contra o ébola (gov.cn)
Chen Wei, na imaxe, desenvolveu con éxito en 2003 un aerosol médico durante o brote da SARS, e en 2014 unha vacina contra o ébola (gov.cn)
O Goberno chinés anuncia unha droga inmunizante contra o coronavirus que de se confirmar a súa validez, segundo Xulio Ríos, director do Observatorio de Política Chinesa, "probaría o alto nivel científico" do país.

O Ministerio de Defensa da China asegurou nun comunicado que desenvolvera "con éxito" unha vacina contra o novo coronavirus SARS-CoV-2, causante da pneumonía COVID-19, e que autorizara as probas en humanos, aínda que o texto non precisou cando comezarían eses ensaios.

A droga foi desenvolvida polo equipo de Chen Wei, principal experta do país en bioguerra militar. De 54 anos, a tamén comandante do Exército, leva traballando na vacina desde que chegou o 26 de xaneiro a Wuhan, epicentro do brote.

"A epidemia é como unha situación militar. O epicentro equivale ao campo de batalla", afirmou Chen, que asegurou que a vacina se desenvolveu en consonancia con "estándares internacionais e regulacións locais" e está preparada para "unha produción a grande escala, segura e efectiva".

Chen tamén é especialista en vacinas de enxeñaría xenética. En 2003 desenvolveu con éxito un aerosol médico durante o brote da SARS. E a finais de 2014, tras a crise en África occidental pola epidemia do ébola, desenvolveu a primeira vacina contra esta enfermidade letal.

Xulio Ríos, director do Observatorio de Política Chinesa, di que entra dentro da normalidade que Chen sexa militar. "O Exército chinés non é homologábel aos Exércitos occidentais", sinala ante as voces críticas sobre a súa condición. 

Estratexia diplomática

Ríos considera, en declaracións a Nós Diario, que de se probar a validez da vacina significaría un gran recoñecemento para a China, "xa que probaría o seu alto nivel científico", aínda que non cre que sexa un golpe definitivo no combate pola supremacía da gobernanza mundial. "Na carreira das superpotencias suporía un gran paso, mais é unha carreira que se vai dar no curso da vindeira década e na que inflúen moitos outros parámetros como o 5G, o big data, Huawei... a cuestión tecnolóxica e científica será capital para constatar se a China se converte na primeira superpotencia a nivel global", afirma.

Preguntado pola crecente influencia da China na UE, nomeadamente a raíz da crise sanitaria polo coronavirus, sinala que a China quere ter unha relación fluída coa UE, entre outras cousas, "para evitar que forme unha fronte común cos EUA na súa contra". Porén, insiste en que, fóra do momento actual, "son procesos que veñen de lonxe e que van durar tempo". 

"É unha estratexia orientada, por unha banda, ás institucións comunitarias e, pola outra, a marcos subrexionais. Especialmente, cara aos países do Centro e do Leste de Europa", expón Ríos.

Exemplifica esta situación coas recentes declaracións do presidente de Serbia, Aleksandar Vucic, nas que criticou con dureza a UE. "A solidariedade internacional non existe. A solidariedade europea non existe… é puro conto. Os únicos que nos axudan son os nosos amigos da República China", advertiu Vucic, que engadiu: "Créanme, encontrarei a maneira de llo agradecer á China".

"A China preocupouse por Italia ─sinala o director do Observatorio─, en parte porque é a Wuhan de Europa, mais tamén porque é o único dos países do G-7 que asinou o memorando para a chamada Nova Ruta da Seda". Este proxecto, lanzado hai cinco anos polo Goberno chinés e que pretende ter completado en 2025, é un dos principais baluartes da súa política exterior. Isto é, a formación de extensas redes de transporte, comunicacións e infraestruturas que partan da China e que, por vía terrestre e marítima, cheguen a Europa.

Neste sentido, Xulio Ríos ilustra as diferenzas entre a diplomacia estadounidense e a chinesa con respecto á UE da seguinte maneira: "Mentres que os EUA suspenden todos os voos procedentes de Europa, a China pon á disposición dos países da UE o seu coñecemento científico e material sanitario". 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/vacina-fai-da-china-referente-global/20200318144738093288.html


© 2020 Nós Diario