Imprimir

O Tribunal de Estrasburgo avala as devolucións "en quente" en Melilla

A. Mera | 14 de febreiro de 2020

Cambio de criterio no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo. A Gran Sala avalou onte as devolucións sumarias de migrantes na fronteira do Estado español con Marrocos, ao considerar que son legais e que non van contra os dereitos humanos. O Tribunal cambia así de parecer, após en outubro de 2017 ter condenado España pola devolución inmediata de dúas persoas que saltaran o valado de Melilla

Por unanimidade decidiu onte o Tribunal de Dereitos Humanos (TEDH) de Estrasburgo, en Francia, considerar como legais as chamadas "devolucións en quente" de persoas migrantes na fronteira do Estado español con Marrocos, á altura do valado erguido na cidade autónoma de Melilla. Estas devolucións non vulneran a Convención Europea de Dereitos Humanos, considerou onte a Gran Sala deste Tribunal, por medio dunha decisión coa que cambia 180 graos o seu criterio, xa que en 2017 o TEDH condenara o Estado español pola expulsión de forma automática a Marrocos de dous mozos que saltaran o valado de Melilla en 2014. 

O TEDH sostén agora que os dous mozos migrantes optaron por non empregar o "procedemento legal" para entrar en territorio estatal e que a súa devolución foi "consecuencia da súa propia conduta". 

O Tribunal sinala ademais que estas dúas persoas se colocaron "deliberadamente" nunha "situación de ilegalidade" ao cruzaren a fronteira por un lugar "non autorizado", de maneira conxunta cun "grupo grande" de persoas e mediante "o uso da forza". 

Mariano Raxoi instalou as "devolucións en quente"

Corría o ano 2015 cando o Goberno do Partido Popular, presidido por Mariano Raxoi, regularizou as "devolucións en quente" a través da figura do "rexeitamento fronteira", a cal foi incluída nunha disposición da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como lei mordaza. 

Porén, o TEDH considerou que a expulsión de ND e NT (iniciais dos dous mozos deportados a Marrocos en 2014) era contraria á Convención Europea dos Dereitos Humanos. O Estado tivo entón que indemnizar cada demandante con 5.000 euros. Ambos os dous mozos estiveron representados polos avogados colaboradores do Centro Europeo polos Dereitos Constitucionais e Humanos (ECCHR), Gonzalo Boyé e Carsten Gericke.

O Goberno de Raxoi recorreu a sentenza, apoiándose nesa figura legal do "rexeitamento fronteira"

O Goberno de Raxoi recorreu a sentenza, apoiándose nesa figura legal do "rexeitamento fronteira", argumentando que as persoas que saltan o valado que separa Marrocos do Estado español en Melilla non pisan chan de España até que non superen os axente policiais que vixían o muro. 

Cando o Partido Socialista chegou con Pedro Sánchez á Presidencia do Estado, continuaron a realizarse estas prácticas contra as persoas migrantes, apoiándose en que se estaba a respectar a lexislación vixente. O Executivo decidiu ademais manter o recurso que ante o TEDH se interpuxera na etapa de Raxoi, a pesar de o PSOE terse comprometido no pasado a paralizar precisamente as devolucións sumarias. De feito, en 2015 a formación de Sánchez presentara un recurso perante o Tribunal Constitucional (TC) contra a Lei de Seguridade Cidadá, ao igual que tamén fixeran outros grupos, e que fica aínda pendente de resolverse no Tribunal de Garantías. 

Un dos preceptos que o PSOE impugnou ante o TC é a disposición final primeira da lei que afirma que "os estranxeiros que sexan detectados na liña fronteiriza da demarcación territorial de Ceuta ou Melilla, mentres intenten superar os elementos de contención fronteirizos para cruzar irregularmente a fronteira, poderán ser rexeitados a fin de impedir a súa entrada ilegal en España".

Interior ve dentro da lei as "devolucións en quente"

O ministro español de Interior, Fernando Grande-Marlaska, saíu onte á palestra para afirmar que as devolucións inmediatas de migrantes na fronteira de Melilla a Marrocos están no marco da normativa española e que se realizan con "garantías máximas".

Así mesmo sinalou durante unha rolda de prensa nas Illas Canarias que a política migratoria "é da Unión Europea", afirmando que é esta quen estabelece as "liñas xerais" para facerlle fronte, aínda que no caso de España aseverou que se traballa facendo políticas de prevención, para que haxa "menos persoas que teñan a necesidade" de saír dos seus países de orixe para "buscarse a vida"; cooperando ao desenvolvemento dos países de orixe; e loitando contra as redes e mafias ilegais.
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/tribunal-estrasburgo-avala-devolucions-quente-melilla/20200213212106091372.html


© 2020 Nós Diario