Crítica de cinema das sextas feiras

'The Wife', máis perto do teatro do que da televisión

thewife2
photo_camera Un fotograma do filme

THE WIFE

(Reino Unido-Suecia-EUA 2017, 100 min.)

Dirección: Björn Runge

Guión: Jane Anderson

Fotografía: Ulf Brantas

Música: Jocelyn Pook

Elenco: Glenn Close, Jonathan Pryce, Christian Slater, Max Irons, Harry Lloyd, Annie Starke, Karin Franz Körlof, Elizabeth McGovern, Alix Wilton Regan, Morgane Polanski

 

SINOPSE

Joan é a sacrificada esposa do afamado escritor Joe Castleman, a piques de recibir o Premio Nobel de Literatura. Pero Joan garda un segredo inconfesábel que poría o seu marido nun situación moi comprometida.

 

CRÍTICA

The Wife chega ás carteleiras co título A boa esposa, mais non se trata de ningunha adaptación da serie The Good Wife, senón máis ben a típica ocorrencia desa persoa que se encarga de renomear os filmes que debeu pensar que así tería máis gancho nun vulgar intento de levar á confusión precisamente coa serie emitida por Fox. Após desta aclaración, probablemente innecesaria, imos ao tema...

 

The Wife trata precisamente diso, dunha esposa, Joan Castleman, a esposa do inminente Premio Nobel de Literatura xenialmente interpretada por unha Glenn Close (Atracción Fatal, As amizades perigosas) que apunta a súa sétima indicación aos Óscars... será a vencida? Dálle a réplica Jonathan Price (Brazil, O home que matou a Don Quixote) no rol de Joe Castleman, o marido galardoado pola Academia Sueca con varios momentos tamén para lucir a súa vasta experiencia na dramaturxia. Por separado moi ben, pero xuntos amosan unha química abraiante...

 

A señora Castleman preséntase como a esposa modelo. Unha muller que coida e mima o seu marido sempre cun sorriso nos beizos. Entregada, cariñosa, comprensiva, afábel e permanecendo nun segundo plano para ceder todo o protagonismo á súa famosa media laranxa. Pero baixo esa aparencia de parella ideal agóchanse unha morea de capas de anos continuados aguantando mecha. A súa estadía previa en Estocolmo para a cerimonia dos Nobel provocará que afloren todas esas pantasmas do pasado que precipitarán os acontecementos. E ata aquí podo ler...

 

Conta cuns cantos flash-backs que retrotraen a historia a como se coñeceu o matrimonio Castleman. O xoven Joe está interpretado por Harry Lloyd (A teoría do todo, Jane Eyre) e a xoven Joan por unha tal Annie Starke, unha actriz cun parecido máis que razoábel con Glenn Close. Un rotundo éxito de cásting... pero claro, é que esta actriz é a filla de Glenn Close! Curiosamente a cousa non queda aí, tamén aparece no reparto o fillo de Jeremy Irons (Max Irons) e a filla de Roman Polanski e Emmanuel Seigner (Morgane Polanski). Todo semella quedar en familia...

 

“Eu son eu e as miña circunstancia, e se non a salvo a ela non me salvo eu”, di nun momento dado a personaxe de Jonathan Price citando as Meditacións de Don Quixote, de Ortega y Gasset. Unha forma moi sutil de adiantar de que vai o conto antes de que se desvele o pastel. Unha adaptación da novela homónima da escritora norteamericana Meg Wolitzer que guioniza Jane Anderson, gañadora de varios Premios Emmy que semella máis acostumada a escribir para televisión que para cinema, que tamén... Con todo o ton de The Wife deriva máis cara o teatral ca o televisivo, cousa que en absoluto embaza unha trama continguiduras reivindicativas do rol da muller, tanto no ámbito familiar como no artístico. E por riba o despregue interpretativo de Close é para dar de comer a parte...

 

Dirixe o sueco Björn Runge que non dubida en homenaxear o seu compatriota máis internacional Ingmar Bergman (Segredos dun matrimonio) e deixar certas miguiñas do postureo artístico que Ruben Östlund mostraba na incómoda The Square, iso si, sen a brutal ironía belixerante que tiña esta. A parella protagonista tamén ten puntos en común coa de Big Eyes (2014, Tim Burton) ou Antes do anoitecer (2013, Richard Linklater); pero todo desde a perspectiva xélida do director sueco... ideal para un matrimonio en vías de extinción.

 

Por certo... dixen xa que Glenn Close o borda?

 

Comentarios