Imprimir

SOS Sanidade Pública denuncia o aumento da mortalidade polos recortes da Xunta

Redacción | 23 de febreiro de 2021

Imaxe de arquivo dunha protesta das sanitarias antes da pandemia. (Foto: SOS Sanidade Pública)
Imaxe de arquivo dunha protesta das sanitarias antes da pandemia. (Foto: SOS Sanidade Pública)
A plataforma, que vén de iniciar unha enquisa sobre os servizos sanitarios nos distintos municipios da Galiza, culpa a reducción de fondos da morte de persoas que non foron diagnosticadas a tempo, do aumento das listaxes de agarda e da "fuxida" de parte da poboación ao sistema sanitario privado, entre outros problemas.

SOS Sanidade Pública está disposta a destapar todas as problemáticas de base do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e con esa motivación está a realizar enquisas en distintos concellos da Galiza. No entanto, de antemán, xa é consciente de que este servizo público pasa por unha crise máis grande ao sumar a pandemia e as “políticas de recortes de recursos”.

A plataforma denuncia que “as privatizacións” das que veñen advertindo desde fai anos, entendendo como tal tanto a da sanidade como “das residencias de maiores, con graves deficiencias de recursos e persoal” e un dos focos de vítimas máis preocupante co coronavirus.

Tamén exemplifican esta estratexia da Xunta no feito de que se derivan pacientes e intervencións cirúrxicas a centros privados.

Alías, comentan que hai unha “paralización da actividade de moitos servizos hospitalarios que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas”, algo que xa foi transcendendo nas últimas semanas. Notouse, especialmente, coa terceira onda da Covid-19, pero é unha situación que xa existía antes desta crise sanitaria.

O colectivo tamén incide no deterioro da “Atención Primaria pola estratexia seguida polo Sergas, para afrontar a pandemia, que non só non incrementou os seus recursos senón que fechou máis centros e está sometida a novas restricións no acceso da poboación, que en moitos casos é atendida esencialmente por vía telefónica de difícil acceso en moitos lugares, con listas de espera de días, tanto para esta como para a atención presencial, así como colas na rúa para recibir a atención”.

Como consecuencia, din, a poboación que ten a oportunidade está a apostar na sanidade privada na procura “da atención que lle nega o sistema público”, algo que vai ser chave para dar forza ao sector. Tamén se teñen disparado de forma “brutal” as listas de espera “que a Xunta oculta para non xerar alarma social”.

Máis mortes por falta de atención

Se cadra o máis preocupante é o “aumento da mortalidade por enfermidades que non son diagnosticadas e tratadas de maneira axeitada en tempo e forma”. Esta denuncia a fixeron antes equipas sanitarias de toda Galiza.

Dado este contexto, e co obxectivo de coñecer a situación ao día nos ambulatorios, SOS Sanidade Pública vén de distribuír cuestionarios. Nestas interroga ás e aos profesionais sobre se é costume que falte algunha compañeira ou compañeiro, se foi preciso fechar o número de pacientes das médicas e se hai atención pediátrica no centro ou fai falla desprazarse, entre outras cousas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sos-sanidade-publica-denuncia-aumento-da-mortalidade-polos-recortes-da-xunta/20210222194559116347.html


© 2021 Nós Diario