Os sindicatos falan de seguimento "positivo" na segunda xornada de greve en Citroën

Segunda xornada da greve convocada por CIG, CUT e CC OO. Continúa así a mobilización dos traballadores da factoría contra os "abusos" da empresa, concretizados nun maior grao de explotación e precariedade laborais. Manuel Domínguez (CIG) denunciou, en declaracións a Europa Press, que Citroên quer producir máis sen incrementar o cadro de persoal.

citroen @cutcitroen
photo_camera Mobilización dos traballadores

Producir máis -por exemplo, furgonetas- co mesmo número de traballadores significa incrementar o beneficio, a plusvalía, que obtén o capital. A mobilización contra esa lóxica é a que explica a greve de Citroën. Os sindicatos falan dun seguimento positivo nesta segunda xornada de protesto, en tanto que, por contra, a empresa asegura que se traballou con "normalidade".

Tamén en declaracións a Europa Press, o sindicalista da CUT Vítor Mariño denunciou a aplicación por parte da empresas de práticas contrarias ao exercicio do direito de greve, incidencias que terían levado a que este mesmo sábado se personase na factoría a Inspección de Traballo.

Neste mesmo sentido, e tamén en declaracións a Europa Press, Manuel Domínguez (CIG) concretizou que a empresa utilizou na liña de produción empregados non cualificados para esta función ou sen experiencia.

Mariño denuncia que a empresa mobilizou traballadores de "outros centros da PSA" e que tamén botou man de empregados que abandonaron a factoría ás 22.00 horas da sexta feira para se reincorporaren ás 6.00 horas deste sábado.

Até que ponto tería alterado a xornada de greve o normal funcionamento da factoría? A este respeito, Vítor Mariño indica que este sábado se terían producido "70 vehículos menos" que un sábado normal e que, alén do mais, os automóbiles fabricados apresentan "deficiencias de calidade" -pola substitución de traballadores en greve por empregados de inferior cualificación- que terán de ser subsanadas nos próximos días.

Comentarios