Imprimir

Protestas en Catalunya pola visita de Felipe VI

Redacción | 20 de xullo de 2020

(Foto: @raquelsans)
(Foto: @raquelsans)

Os Mossos desaloxan os centos de manifestantes que querían chegar ao mosteiro de Poblet, onde decorre o único acto na axenda do rei español en Catalunya.

A visita de Filipe VI provocou protestas en diferentes partes de Catalunya. Unha sabotaxe na liña AVE en Xirona, faixas en varias partes do país contra a visita do monarca e unha gran marcha de centos de persoas a Poblet marcaron a mañá e quentaron o ambiente para a chegada do séquito real ao mosteiro de Poblet, blindado para a ocasión.

Fóra do mosteiro houbo algunhas cargas dos Mossos. As protestas durarán todo o día e rematarán pola noite, cunha cazolada convocada por Omnium.

Á primeira hora, unha sabotaxe na liña AVE en Xirona afectou ao tráfico de trens. Queimáronse diversos obxectos e isto afectou á catenaria, causando danos na fibra óptica e polo tanto no sistema de sinalización. O incidente tivo lugar á primeira hora da mañá e apareceron símbolos contra a coroa.

Pola mañá, centos de persoas reuníronse na Espluga de Francolí para iniciar unha marcha cara Poblet. Baixo o lema "Catalunya non ten rei" e, en medio de consignas e pancartas contra o monarca, camiñaron até o mosteiro, fortemente blindado. De feito, o persoal de seguridade só permitiu ase os xornalistas acreditados seguir a visita. Horas antes, en varias partes do país despregáronse bandeiras contra a monarquía.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/protestas-catalunya-pola-visita-felipe-vi/20200720123212101752.html


© 2020 Nós Diario