Imprimir

Lores leva a París o modelo urbano de Pontevedra

Redacción | 28 de novembro de 2018

Lores Forum Smart City 2018 Foto: Pontevedraviva
Lores Forum Smart City 2018 Foto: Pontevedraviva

O alcalde da cidade foi convidado polos organizadores do Forum Smart City 2018, que se realiza estes días en París. Neste congreso reúnense expertos en urbanismo así coma empresarios e políticos para debater sobre os novos modelos de cidades.

 

Miguel Anxo Fernández Lores participou na sesión inaugural deste congreso para expoñer o modelo urbano de Pontevedra, baseado nunha mobilidade amable e sustentábel, na aposta polos desprazamentos peonís e na recuperación dos espazos públicos para o uso da cidadanía.

 

“Existe un sentimento xeralizado”, sinalou ante máis de trescentas persoas, “de que as cidades están profundamente enfermas. Debemos procurar alternativas e solucións ante un clamor mundial que esixe cidades vivibles”.

 

Lores Forum Smart City 2018 Pontevedraviva

 

Ademais, defendeu a filosofía do modelo da Boa Vila coma un universal para todas as cidades e criticou a expulsión das persoas das rúas e dos espazos públicos así coma a contaminación acústica e a falta de autonomía de colectivos coma a infancia, os maiores ou as persoas con mobilidade reducida.

 

Após esta intervención, Fernández Lores foi recibido polo vicealcalde de París, Christophe Nadjdovski, que mostrou moito interese na transformación urbana de Pontevedra. Estes contactos continuarán cunha reunión con máis membros do goberno municipal de París.

 

O alcalde de Pontevedra completará a súa primeira xornada na capital francesa cunha clase maxistral no Instituto de Administración de Empresas de París, unha das máis prestixiosas de Europa.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/pontevedra-modelo-cidade-amable-sustentable/20181128120923074095.html


© 2020 Nós Diario