O 25 de xullo deste 2020 foi tamén unha data triste. O coñecido gaiteiro Pepe Temprano faleceu onte aos 80 anos de idade. A súa carreira deixa un legado de defensa da pureza na interpretación da música tradicional, un eido no que sempre se esforzou por incorporar a mocidade.
Nado en Eirís, formou parte con outros membros da súa familia dos Tempranos de Eirís, grupo que acadou sona na primeira metade do século XX. O enterramento terá lugar hoxe no cemiterio de Oza ás 13 horas.
O seu interese na música, formado xa que logo no seo familiar, levouno a aprender a tocar a gaita e o tambor malia as dificultades da posguerra na que se criou. Como parte dos Coros e Danzas da Sección Feminina da Coruña, tocou xa daquela no estranxeiro, en países como Francia, Holanda, Canadá e México.
Traballador da Fábrica de Tabacos da cidade herculina, entrou no grupo de baile Lembranza, co que viaxou a Nova York, Washington e Nova Jersey.
Ademais de intérprete, Temprano era coñecido pola inmensa colección de instrumentos e curiosidades musicais que gardaba na casa, un auténtico museo: trompas de Mongolia, dulzainas de Nafarroa, tallados de Polonia...
En 2017 recibiu a Medalla de Prata Marcial del Adalid da Real Academia Galega de Belas Artes, unha homenaxe o seu labor na defensa e conservación da cultura tradicional.