A conformación do novo Goberno en Catalunya entra nuns días chave. Mentres as diversas formacións comezan a súa rolda de contactos co obxectivo de acadar as maiorías suficientes para articular unha coalición que sume, diversos interlocutores e axentes sociais fan públicas as súas posicións.
Se o pasado domingo, o presidente de Omnium Cultural, Jordi Cuixart, defendeu un Goberno nacionalista e chamou as forzas soberanistas a “non desperdiciar” os resultados electorais do pasado 14 de febreiro, a comezos de semana a grande patronal catalá apostaba nun Executivo presidido por ERC e apoiado por En Comú e o PSC.
Foment del Treball, a filial catalá da CEOE, está a moverse moi intensamente para evitar un Goberno independentista en Catalunya.
Nese sentido, segundo recolle o xornal barcelonés La Vanguardia, “a grande empresa transmitiu aos líderes de ERC que a súa opción preferida é un Goberno pactado co PSC de Salvador Illa e os comúns de Colau, tanto no formato de coalición como no dun executivo cos republicanos en solitario no Goberno e co apoio externo dos outros dous grupos no Parlamento”.
Ao tempo o diario destaca que na patronal “temen as medidas fiscais e económicas” de Junts per Catalunya e da CUP.
A operación para impedir un Executivo independentista preocupa na base social do nacionalismo. A este respecto, o director do dixital El Nacional, José Antich, dá por feito que “a grande empresa pide a ERC un pacto de Goberno con PSC e En Comú.
O obxectivo, que tamén é compartido por Moncloa, está ben claro: impedir un Goberno independentista” e observa similitudes entre a operación en marcha e a que apartou a ERC da alcaldía de Barcelona en beneficio de Ada Colau.