FRANCO "LUCROUSE COA EXPLOTACIÓN AGRÍCOLA DO PAZO"

'Os ovos do Caudillo': a trama agraria de Meirás

A través da empresa Pazo de Meirás: Productos de la Huerta, o ditador controlou unha explotación agropecuaria que lle xerou pingües beneficios “a custe cero, pois era o Estado quen asumía todos os gastos, con Franco limitándose a facer caixa”, tal e como explica o investigador Carlos Babío. Agora, os seus herdeiros pretenden usar esa “pseudo-empresa” para demostrar que o Pazo de Meirás era un ben privativo de Franco, o que a xuízo de Babío é “unha auténtica desvergoña”.
photo_camera Vista das Torres de Meirás (CC)

Para Franco, as mellores terras e as mellores sementes. Para Franco, as mellores galiñas. Para Franco, as mellores vacas. Para a explotación agropecuaria de Franco, todos os recursos do estado á súa disposición.

Así traballaba Pazo de Meirás: Productos de la huerta, unha “pseudo-empresa” -tal e como a define o investigador Carlos Babío en exclusiva para Sermos Galiza- que exemplifica a forma de operar do Réxime, “cunha mestura total entre Estado, Franco e Pazo de Meirás, sen unha clara delimitación entre o público e o privado, que resultaba en que o Estado asumía todos os custes e cargas desa explotación, e Franco todos os beneficios”.

Agora, na contestación á demanda formulada contra os seus herdeiros pola Administración Xeral do Estado pola propiedade do Pazo, estes pretenden facer valer eses negocios agropecuarios como argumento para demostrar que Meirás era un ben privativo do ditador.

Concretamente, no documento elaborado polo bufete de avogados J.Y. Hernández-Canut, a familia alega que “Don Francisco Franco tributaba polos rendementos que as explotacións agrícolas e gandeiras lle producían desde os anos 40 do século pasado”, e que devanditos tributos “non se ingresaban polo Tesouro Público, senón que foron asumidos e declarados a Facenda por Don Francisco Franco de forma regular e ininterrompida até o seu falecemento”.

Carlos Babío afirma que quedou “impactado” cando leu a argumentación dos Franco: “Como se pode chegar a tal grao de desvergoña? Franco tributaría polos beneficios, pero esa empresa pagábaa o estado, e el sacaba todo o rendementos, hai que ter a cara moi dura para intentar poñer ese argumento como algo que poida demostrar un uso privativo do Pazo de Meirás por parte de Franco”.

Todos o Estado, ao servizo da empresa do ditador

A explotación agropecuaria de Franco en Meirás dedicábase, fundamentalmente, á produción de leite, ovos, millo, lúpulo e, a maiores desas actividades, á venda de madeira e o arrendamento de terras a labregos da zona.

Documento Pazo de MeirásPara controlar esa explotacións, o ditador servíase da figura dos denominados gardas civís hortelanos, que non tiñan función de vixianza, senón de xestión desa empresa, con tarefas como cobrar recibos da finca, levar o balance da compra-venda dos ovos, a leite, a madeira... até o punto de que, como confirma Babío, a documentación revela que “sempre que hai unha xestión de calquera tipo desta empresa, aparece a sinatura dun destes gardas civís hortelanos acompañándoa en calidade de representantes de Franco”, o que supón “unha característica inaudita no mundo da corrupción”, valora o autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

Babío revela a Sermos Galiza que dispoñen de documentación que afonda na corrupción relacionada con esta empresa, que implica institucións como a Misión Biolóxica de Galiza: “Alí deseñaron unhas sementes especialmente adaptadas ás características da terra do Pazo de Meirás, de tal modo, e podo dar fe porque o vin cos meus propios ollos sendo un cativo, que as plantas de millo tiñan o dobre de tamaño que unha planta normal, e a mazaroca era inmensa”.

O estado tamén estaba directamente implicado na explotación leiteira, “que producía leite de gran calidade e en gran cantidade, xa que facía unha selección das mellores reses de Holanda para importalas directamente a Meirás”, apunta o historiador das Mariñas, que engade que nesa actividade traballaban “veciños da zona en nómina da empresa, pero que en realidade eran empregados da Casa Civil de Su Excelencia El Jefe del Estado”.

“É dicir, nos documentos aparece o epígrafe desa empresa Pazo de Meirás, pero realmente toda a tramitación documental de pago de seguros sociais, nóminas e demais, vaino levar a Casa Civil e, polo tanto, o Estado”, apostila.

"Barbaridades de cartos" directamente ao peto do tirano

Nesta trama agraria tecida arredor do Pazo de Meirás xeráronse “barbaridades de cartos” que ían directamente ao peto do ditador. Por exemplo, Carlos Babío destaca as cantidades producidas pola venta de lúpulo, “fudamentalmente a cerveceiras como Estrella Galicia”; de madeira a empresarios da zona, ou incluso de ovos.

“Temos documentadas autenticas burradas de diñeiro desembolsado por unha ducia deses ovos, que incluso se mandaban por valixa a Madrid, porque todos querían mercar os ovos do Pazo de Meirás, da súa excelencia, do Caudillo”, conclúe.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios