A Moncloa compromete co soberanismo catalán a anulación dos xuízos da ditadura

ERC condicionaba o seu respaldo ao decreto lei que viabilizará a exhumación dos restos mortais de Franco á modificación da Lei da Memoria Histórica para, entre outros, anular o xuízo que condenou a morte ao president da Generalitat Lluis Companys. Esta é tamén unha vella reivindicación do movimento galego pola recuperación da memoria e a reparación das vítimas.

amalia e valenin G. Boveda
photo_camera Acto na memoria de Alexandre Bóveda

Os xuízos políticos da ditadura serán anulados de prosperar unha ambiciosa reforma da Lei da Memoria Histórica que o Goberno Sánchez está disposto a pactar no Congreso dos Deputados, avanza esta quinta feira o diario El País.

O compromiso fai parte das conversas da Moncloa cos seus socios soberanistas cataláns —con ERC, mais tamén co PDeCAT— dirixidas a viabilizar no Congreso a aprobación do Decreto Lei en virtude do cal se exhumarían os restos mortais de Franco, actualmente depositados no mausoleo do Val dos Caídos.

A actual Lei de Memoria Histórica, promulgada durante os gobernos Zapatero, consideraba ilexítimos os xuízos politicos da ditadura —en virtude do cal foron condenados a morte desde Alexandre Bóveda até Salvador Puig Antich—, mais non os anulaba por considerar que podería producir unha certa inseguranza xurídica dado que, de acordo co que opinan numerosos xuristas, aqueles actos xudiciais respondían á legalidade vixente no seu momento.

Coa reforma da Lei da Memoria Histórica —para a cal o PSOE precisa reeditar a maioría absoluta que materalizou a censura a Raxoi— o Estado español emendaríase a si propio e anularía, por tanto, xuízos tidos legais polas autoridades políticas e xudiciais durante a ditadura.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios