A editora Chan da Pólvora homenaxea o poeta

As mil vidas de Serafín Ferro

Poeta el mesmo, inspirador de dous dos grandes libros de Luis Cernuda, actor no lendario filme L'espoir (Serra de Teruel) de Malraux, alistado na Lexión cos nacionais para axiña fuxir e combater pola República na Guerra Civil. A biografía do coruñés Serafín Ferro contén un cento de vidas. É a escollida pola editorial Chan da Pólvora para a súa iniciativa Día do Orgullo Galego.

serafín ferro en l'espoir
photo_camera Á esquerda, Serafín Ferro, nun fotograma de 'L'espoir' (1937), filme de André Malraux. Imaxe: Chan da Pólvora.

Chan da Pólvora e a libraría compostelá homónima escolleron hai xa tres anos o 28 de xuño como xornada de memoria do Estatuto de Autonomía de 1936 e de reivindicación dos dereitos LGTBI. Nesta ocasión escolleron Serafín Ferro (Monelos, A Coruña, 1912-México, 1957) como protagonista. A plaqueta Un poema de Serafín Ferro, en concreto Noite, conformará a achega editorial á celebración, quen anuncia unha biografía a cargo do xornalista Santiago Romero.

Ferro foi tamén “fonte léxica” dos Seis poemas galegos de Lorca, con quen mantivo relación. A pegada do poeta andaluz nótase na propia escrita do galego. A publicación inclúe tamén o retrato que fixo Ramón Gaya de quen fora o “gran amor” de Cernuda. Estudosos consideran que Serafín Ferro é inspirador dos seus libros Los placeres prohibidos (1931) e Donde habite el olvido (1933).

Serafín Ferro fixérase anarquista no Madrid republicano, onde a lenda di que chegou a pé. Amigo de Eduardo Blanco Amor, Ernesto Guerra da Cal ou Ramón Suárez Picallo, exiliouse en México. Alí morreu “esquecido e pobre”, casado cunha muller “coa que non conxeniaba”. Guerra da Cal escribiu o seu epitafio, lembra a editora Chan da Pólvora: “Naceu para escuro malabarista da vida e desempeñou con valor e ironía o papel desa aventura acrobática”.

Comentarios