César Rodríguez, responsábel do sector naval na CIG de Vigo

“A mensaxe que se dá é que o naval se recuperou e iso non é verdade”

O naval galego está mellor que hai catro anos, cando a crise puxera na picota este sector estratéxico para a Ría de Vigo e o conxunto do país, mais non se pode dicir que o naval se recuperase. Afírmao César Rodríguez, responsábel deste sector na CIG de Vigo, que lamenta a “campaña de desinformación” da patronal para dar unha imaxe de ‘bonanza’ que non é tal e tras a cal podería haber outros intereses.

cesar rodriguez naval cig vigo
photo_camera César Rodríguez

-Por que afirmades que a patronal “desinforma” cando di que o naval está recuperado? Hai quen pensa que os sindicatos teñen alerxia ás boas noticias…

-Xa houbo quen preguntou se a patronal era optimista e nós pesimistas, e o que pasa é que nós somos realistas. É verdade que a situación do sector naval mudou nos últimos anos, estabamos en parálise e nestes momentos por primeira vez están todos os estaleiros en actividade. Agora, hai que matizar. É irresponsábel mandar unha mensaxe que non se atén aos datos reais e a mensaxe que se dá cara á sociedade desde a patronal é que o naval da Ría de Vigo está en recuperación, que precisa 1.500 traballadores. Unha mensaxe que calla, desde o sindicato vemos que vén xente preguntar, solicitar cursos de prevención, quer saber como se pode acceder a un deses postos que din que se precisa no naval… E a realidade é que agora estase a traballar menos que hai seis meses. Agás dúas excepcións contadas, os estaleiros de Freire e Armón, o resto teñen un único buque en construción e non contan con ningún barco previsto no futuro

“A diferenza doutros países de Europa, a administración aquí nunca se interesou realmente polo naval”

-Non é certo logo que o naval estea recuperado?

-Ultimamente sempre que se dá información de novos barcos para facer é de barcos dos que xa se falaba hai anos. A situación é preocupante porque non hai continuidade: tes un barco para facer e cando o acabes, fin, non hai outro esperando. Ráchase a continuidade produtiva dos estaleiros. O que non pode ser é que acabes un barco e ter que esperar a ver cando cae outro. A cadea produtiva de traballadores —os que cortan chapa, montadores, fabricación de bloques, — no momento en que non hai continuidade, desaparece.

-Se, como dicides, non hai tal recuperación no naval, entón cal é o interese da patronal en incidir nesa mensaxe de que si existe?

-Entendemos que pode haber un interese conectado á formación. Sempre vai ligado ese número de traballadores aparentemente necesarios para proxectos de formación. O interese en que a administración lles solte cartos formar man de obra. A día de hoxe non temos constancia de que se estea realizando a última que solicitaron. Non vemos que esa posíbel formación vaia ligada a un posto de traballo.

Para recuperar o naval o primeiro é ter as ideas claras

-É outra das denuncias que fixo o sindicato nacionalista, a de que no naval hai un “negocio” dos fondos para formación tras as falsas expectativas xeradas a desempregados…

-A formación tal e como se daba antes xa non existe, non hai acceso a ela e pasou a ser da empresa. Toda a formación que había a través da administración, con fondos da administración, desapareceu. Debemos andar polos seis anos no mínimo en que a nivel industria non hai ningún deses cursos. Dá a impresión de que se utiliza esa suposta necesidade de traballadores pola “recuperación” do sector para xustificar o financiamento público dos cursos de formación.

-En paralelo, e embora este discurso de recuperación aumenta a denuncia de precariedade do naval…

-Houbo quen se aproveitou da situación de crise, se querías traballar tiña que ser naquelas condicións que che marcaban e punto. Por moito que digan desde a patronal que se conta cos dedos das mans as empresas que incumpren, entendemos que isto non é así e aválanos a multitude de denuncias que temos perante Inspección de Traballo. A precariedade non vai ligada só a cumprir o convenio, non podemos perder de vista a vertente da prevención, na que non se está a investir.

En 2007 había 10.000 traballadores vinculados ao naval e hoxe, dentro dos estaleiros, non chegamos a 2.000 cando hai cinco meses estabamos nos 2.600

-Se non hai logo tal “recuperación”… Que medidas entendedes que habería que adoptar para posibilitar que se si se dea ese escenario?

-O primeiro é ter as cousas claras. No seu momento, cando tanto desde administración como patronal empezaron a dar esa mensaxe de que se estaba a recuperar o sector, nós xa dixemos que era o momento de reunir a Mesa de Contratación do Naval, un órgano onde estaban sindicatos, administración, patronal, Inspección de Traballo… Entendiamos que ante esa suposta recuperación era mester ver cales eran as problemáticas e retos do sector nese momento, que propostas… mais iso non foi adiante. E ao final estamos a repetir eses erros do pasado.

-E por que considerades que administración e patronal non queren ter “as cousas claras”?

-A administración tampouco se pode dicir que tivese moito interese polo naval, só hai que comparar como se defendeu este sector aquí nos últimos anos e como se defendeu noutros países de Europa. Aquí a administración non intervén, deixa que as cousas vaian e de vez en cando anuncia uns cursos.

A patronal tampouco ten moito interese en que se normalice a situación, apertan as auxiliares e as auxiliares apertan os traballadores. As patronais falan de que precisan man de obra, de que hai unha falla de profesionais e iso é unha gran patraña. Vai na liña de abrir as portas a empresas e traballadores que curren por baixo do convenio. De tanto repetir que precisan esa man de obra van acabar facendo que a xente crea que iso é verdade. En 2007 había 10.000 traballadores vinculados ao naval e hoxe, dentro dos estaleiros, non chegamos a 2.000 cando hai cinco meses estabamos nos 2.600. Onde van eses miles de profesionais que traballaban aquí? Pois tiveron que emigrar, até 2.000 deses traballadores galegos poden andar por fóra: no naval de Alemaña, Noruega, Euskadi, Asturies… E moitos outros tiveron que cambiar a traballar noutros sectores da industria. Iso é o que hai que analizar, se se quere ter profesionais con experiencia, hai que conseguir as condicións necesarias para que volvan.

Comentarios