"As deficiencias nos servizos públicos do Concello de Ourense destinados ás mulleres non son algo novo senón que xa veñen do mandato anterior con goberno en solitario do PP. O problema vese agora porque a institución esta en mans dun Alcalde misóxino e irresponsábel como Gonzalo Jácome, que esta executando a demolición programada por Jesús Vázquez”.
Con estas palabras, a Coordinadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres abre un comunicado no que cuestiona a grave irresponsabilidade do Concello coa vida das mulleres vítimas de violencia machista ante “o anuncio da retirada do programa de protección VioGén".
Segundo explica, a recuada do Alcalde nas últimas horas non abonda para corrixir a atención deficitaria que se lles presta ás vítimas de violencia de xénero, e que se manifesta na “demolición” da Concellaría de Igualdade, baleirada de contido; na retirada de recursos humanos e materiais de programas e servizos específicos, fundamentais para o seu correcto funcionamento, ou na situación de precariedade que atravesa o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM).
“Non existen informes recomendando o abandono do programa VioGén pero si os hai reclamando máis recursos para a atención das mulleres que sofren violencia machista, que foron ignorados antes polo goberno do PP e agora polo bipartito PP-DO”.
Continuidade do programa de seguimento integral dos casos de violencia de xénero
Sobre o papel da Policía Local no marco do programa VioGén, aseguran que unha unidade integrada por 5 axentes quedou con un só policía que chegou a atender a 52 mulleres, un recorte que impide que a prestación do servizo. “Hoxe en día hai un só axente atendendo a 31 mulleres”, un recurso insuficiente para poder ofrecer ás mulleres medidas de protección eficaces, “o que provoca que se derive esa atención fóra do concello de Ourense”.
A Marcha Mundial das Mulleres apela á responsabilidade do Goberno local nesta materia, en coordinación con outras administracións públicas. Así, reclama “unha rectificación pública e a dotación da unidade do VioGén de axentes suficientes para reverter o desmantelamento sufrido nestes anos”, ademais da “implicación transversal e coordinada por parte das concellarías de Sanidade, Educación e Benestar Social na loita contra a violencia contra as mulleres e as súas crianzas”
O movemento feminista de Ourense, formado pola Marcha Mundial das Mulleres, As do 8 e Folo Falando Nós; convoca a cidadanía a unha mobilización a vindeira sexta feira, día 18. Ás 19 horas xuntarase na Praza Maior para denunciar “a improvisación e o desleixo das políticas de igualdade do Concello de Ourense”.