Manuel Lago será o portavoz do grupo de En Marea

Non haberá portavocía rotatoria. En Marea só terá un voceiro, o economista Manuel Lago. Así o resolveu o grupo parlamentar esta segunda feira. A decisión, segundo puido saber Sermos, foi adoptada por unanimidade. No autoproclamado espazo da unidade popular Lago é independente, aínda que próximo a EU. Mantén unha boa relación co villarismo.

Lago 2
photo_camera Lago, en conferencia de imprensa con Villares

A voz do triángulo Podemos-Anova-Esquerda Unida será única no Hórreo. O que fica da confluencia non se vai expresar a través dun coro, a pesar de os partidos si teren valorado seriamente ese escenario. O solista é un economista de longa traxectoria na esquerda social galega, vinculado a Comisións Obreiras e próximo, aínda que sen carnet, a Esquerda Unida. 

O grupo decidiu esta segunda feira que Lago será o seu voceiro. Xa actuará como tal na xunta de portavoces desta terza feira e, nesa condición, terá tamén o seu primeiro contacto coa imprensa. O nomeamento de Lago xa foi comunicado á Mesa do Parlamento.

Considerado unha persoa de talante conciliador ("é un negociador nato", costuma dicirse del na súa contorna máis directa), mantivo todas as pontes abertas ao diálogo co grupo villarista até o final, e mesmo el propio foi proposto polo xuíz en excedencia para ocupar o escano no Senado que finalmente sería para o ex concelleiro da Marea Atlántica José Manuel Sande.

Ao ser nomeado como portavoz único, obviamente o seu nome é o primeiro que se pon sobre a mesa como hipotético candidato de Galicia en Común —a marca criada por Podemos e EU que aspira tamén a incorporar a Anova de Antón Sánchez—para as galegas de 2020.

A opción a prol dunha portavocía unipersoal e non rotatoria mostra a vontade dos partidos da confluencia de ofereceren unha imaxe o máis compacta posíbel, despois de anos de leas, caos e barullo, finalmente saldados co desembarco do grupo de Villares no mixto.

Comentarios