Luís Trigo 'O Gardarríos' e Antonia Díaz, ferreiras dun mundo mellor

O 22 de xuño homenaxeamos nas localidades de Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo os loitadores antifascistas Luís Trigo Chao, O Gardarríos e Antonia Díaz Pérez, asasinados polo franquismo na madrugada do 24 ao 25 de xuño de 1948. A súa traxectoria militante ao servizo da causa dos máis, a loita firma contra o fascismo nunhas condicións de clandestinidade e as circunstancias da súa morte a mans dos corpos represivos da ditadura abondan para explicar as razóns dun acto que rescata para a esfera pública a memoria resistente de centos de xeracións de mariñaos.

Trigo, Trancas e Neira_ 2
photo_camera Trigo, Trancas e Neira. Imaxe: cedida.

Antonia e Luís, convertidos polo pobo na muller e no home mito da oposición ao franquismo na Terra Chá, A Corda e A Mariña, perderon a vida nun enfrontamento armado nas rúas de Vilanova de Lourenzá após de horas de loita no marco dun operativo da Brigada Político Social dirixida polos policías Sebastián Fernández Rivas da Central de Madrid e Diego García Correa do corpo de Monforte, dislocados a Viveiro co obxectivo de rematar coa Mariña rebelde.

Luís Trigo Chao exemplifica a lealdade a uns ideais, a vontade de defendelos empregando todos os métodos de loita e a convición de asumir esa decisión até as últimas consecuencias. Nado o 24 de decembro de 1889 en Cabanas, actualmente concello de Vicedo, emigrante en Cuba e Arxentina, onde se enchoupou de ideas novos, experiencias sociais e políticas e compromisos cos intereses populares que marcaran a súa vida para sempre, será un actor decisivo na pelexa por un Mondoñedo avanzado e progresivo que se viviu durante o período republicano.

Cofundador da agrupación socialista da localidade canda Xaquín Ares, Ignacio Picaza, Gráciano Leivas, Cándido López ou Manuel Ferreiro, secretario xeral e posteriormente daquela pequena sección do PSOE fiel á liña revolucionaria defendida dentro do partido por Largo Caballero, defendeu o proxecto de transformación social nas institucións, como concelleiro na corporación municipal da súa cidade entre 1931 e 1934, pero sobre todo na rúa, organizando a federación de traballadores da terra da UXT e tomando parte nos sucesos revolucionarios de outubro de 1934, que remataría co seu encarceramento proceso nun consello de guerra xunto aos seus camaradas Ignacio Picaza e Xosé Díaz Muñoz.

O Gardarríos representa a resistencia máis continuada contra á ditadura franquista no norte galego así como a etapa máis creativa, intensa e fecunda do actuar guerrilleiro. Obrigado á clandestinidade para fuxir da represión que se botou enriba dos demócratas tras o 18 de xullo de 1936, non tardou en ligar con outros fuxidos do norte galego para poñer en marcha a primeira organización guerrilleira documentada en Galiza, a Agrupación Thapaieef, fundada en novembro de 1938, con Luís Trigo como secretario xeral, exemplo dunha resistencia armada autóctona, sen interferencias de cadros e orientacións procedentes do exilio, plural, cunha dirección partillada por cadros socialistas, anarquista, comunistas e nacionalistas, e precedente, en moitos aspectos, da liña político militar desenvolvida en Cuba e Vietnam.

A recuperación da figura do noso ilustre guerrilleiro require unha revisión da súa imaxe lonxe dos estereotipos elaborados desde o réxime franquista ou do 78, desbotando as versións interesadas que o sitúan como un fuxido solitario, carente de orientacións políticas e cunha practica militante desvinculada dunha estratexia máis ampla de oposición ao franquismo.

A xornada do 22 de xuño é esencialmente un acto de recoñecemento a todos aqueles persoas que mantiveron viva a chama democrática durante o franquismo. A loita de Luís e Antonio, así como daquelas persoas que formaron nas unidades guerrilleiras que combateron á ditadura, só foi posíbel polo alto grao de apoio popular á causa da democracia e pola existencia dunha ampla rede de enlaces e colaboradores identificados no esencial cos seu obxectivos políticos.

A memoria destas mulleres e homes, daqueles que puxeron vivenda e facendo ao servizo da loita, dos que arriscaron a súa posición persoal ao ben común, dos que perderon para que gañaramos todos non pode ser esquecida. Convocámonos entón, para lembrar a Luís Trigo e Antonia Díaz, pero tamén dos que sufriron cadea pola mesma loita, dos Francisco Fernández Piñeiro Paco de Cora, Ramón Ventoso Rodríguez, Remedios Ron, Pablo Maseda, Amalio Gómez, Candido Coira, Encarnación Valea, Xerardo Redondo, Francisco López, Xosé María Alonso, Francisco Basanta, Francisco Fernández, Candido Cortiñas, Xosé Freire, Xosé María Gómez Agrelo, Juan Miranda, Antonio Rego, Antonio Rodríguez, Eulogio Vidal, Xoán López Iravedra, Manuel Rei Busto,Graciano Leivas, Dodolino Díaz Jácome, Benito Expósito, Xosé Díaz Gil , Xosé Paz Vázquez e tantos outros desde o cantábrico mariñán, as serras da Corda e o Xistral e os vales de Lourenzá e do Ouro.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios