José Blanco (PSdeG)

José Blanco (PSdeG): “Nada é imposíbel na vida pero non teño na cabeza ser candidato á Secretaría Xeral”

O eurodeputado e presidente do Comité Federal do PSOE, José Blanco, asegura que a posibilidade de postularse como secretario xeral do PSdeG non está sobre a mesa e amósase crítico coa xestora da formación na Galiza.

José Blanco
photo_camera José Blanco

“Nada é imposíbel na vida, pero non teño na cabeza ser candidato á Secretaría Xeral do PSdeG”. Así se pronunciaba José Blanco nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, na que insistía en que non se formulaba postularse como secretario xeral.

Na conversa, o eurodeputado socialdemócrata cargou contra a xestora do PSdeG ao advertir de que a dirección política “está moi debilitada” e de que “hai que facer un esforzo para reforzar esa dirección”. Apuntou, así, a un “cambio de dirección política” ou a unha “suma para tratar de que se visualice un compromiso de máis xente”.

José Blanco tamén se referiu á abstención dos deputados e deputadas do PSOE que lle deron a investidura a Mariano Rajoy como presidente do goberno. Admitiu que a decisión produciu unha quebra no PSOE pero pediulles coherencia a quen racharon a disciplina do partido ao votar en contra.

Comentarios