Imprimir

"As políticas de retorno de emigrantes foron un fracaso"

Raquel C. Pérez | 09 de decembro de 2019

(Cedida: El Correo gallego)
(Cedida: El Correo gallego)

Os termos suicidio, devalo, inverno ou sangría adoitan salpicar os artigos sobre a demografía galega. Canto hai de verdade e canto de propaganda neste alarmismo mediático e social? Isidro Dubert procura no ensaio coral A morte de Galicia (Xerais. 2019) a resposta a esta e outras preguntas. Eis un estrato da entrevista publicada no número 375 do Sermos Galiza.

En 2012 comezou un artigo cunha cita de Marx, “ser radical é ir á raíz das cousas”, afirmando ademais que ninguén o era á hora de falar da crise demográfica galega.

A partir de 2011 increméntase a presión que viña exercéndose sobre a sociedade desde os medios, con novas que incidían no avellentamento da poboación e na caída da fecundidade. Ofertábase unha imaxe negativa do presente e un panorama catastrofista do futuro, a nivel social, económico, político ou cultural. Á vez que non se falaba da emigración, cando eu, percibía que na zona de Muros, Carnota, Fisterra ou na Costa da Morte cada vez marchaba máis xente. Penso que, a medio e longo prazo, as implicacións da emigración son moito máis graves que as do avellentamento; daquela albisquei que o natalismo desembarcara na Galiza.

Mini_2_EntrevistaDubert

Por que a aposta pola ideoloxía natalista?

A súa chegada coincide no tempo co inicio da quinta vaga migratoria que Galiza padece ao longo da súa historia, que é a primeira da democracia. Aberta a porta en 2005‑2006, logo chegaría a lexislación natalista, cun primeiro punto álxido na aprobación do Plan de Dinamización Demográfica en 2013. É a primeira vez que un Goberno do estado rompe a norma pola que, desde a morte de Franco, se evitaban as intervencións en política familiar ou demográfica. Trátase pois dunha forma de tapar a orixe da actual emigración, que se sitúa nas eivas de corte económico e social que impiden as persoas materializar os seus proxectos de vida no país. Unha emigración que en 2015 afectaba a uns 380.000 mozos e mozas. Se nos preguntamos o por que da mesma, teremos que explicar as taxas de paro, de emprego precario e temporal ou a falta de empresas.

A vaga coincide tamén coa chegada de capital procedente da Unión Europea.

Como lle podemos explicar á cidadanía que desde 1986 recibimos centos de millóns de axudas europeas para a creación de emprego e que a xente está emigrando? Difícil. Mellor culpar de todo aos vellos e ás mulleres que  non queren ter fillos nesta conxuntura. Agochando, no caso destas últimas, que actualmente sofren maiores taxas de temporalidade e precariedade laboral e cobran salarios máis baixos que nun mercado de traballo que non lles é favorábel.

Os  discursos que ligan a emigración da mocidade á formación ou ao enriquecemento cultural maquillan as súas causas? Si, claro. É máis doado presentar aos mozos e mozas como aventureiros, persoas emprendedoras, xente que marcha fóra coa ansia de formarse,  que explicar o fracaso das políticas económicas que sementan a emigración. Ademais, sabemos polas anteriores vagas migratorias que unha parte importante destas persoas nunca volverá ao país, como non sexa de vacacións ou xubiladas. É unha perda moi grande, tanto de potencial demográfico como de capital social, pois a maior parte están moi cualificadas no plano laboral.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/isidro-dubert-politicas-retorno-emigrantes-foron-fracaso/20191204143311087848.html


© 2020 Nós Diario